Corte na AC-214 desde este luns por obras na ponte sobre o río Mero, en Cambre
Haberá desvíos cun itinerario alternativo polas estradas AC-213 (polígono industrial de Alvedro-Os Campóns) e a DP-1702 (Cambre-A Rocha)
Imaxe de arquivo
O tráfico estará cortado a partir deste luns, 16 de novembro, por obras da Xunta na ponte da AC-214 sobre o río Mero, ao seu paso polo municipio coruñés de Cambre.
O corte de tráfico durará ata o 4 de decembro. Haberá desvíos cun itinerario alternativo polas estradas AC-213 (polígono industrial de Alvedro-Os Campóns) e a DP-1702 (Cambre-A Rocha).
A actuación que se vai desenvolver nesta obra de paso, de aproximadamente 62 metros de lonxitude, consistirá na substitución de dous apoios situados en dous piares da estrutura para recuperar a súa correcta funcionalidade.
Ademais, acondicionaranse os outros dous apoios dos estribos que non se substitúen. Para executar estes traballos precísanse manobras de elevación do taboleiro da ponte, cun levantamento máximo previsto dun centímetro, de forma que é necesario cortar a circulación da estrada.
Posteriormente, continuarán os traballos restantes, cun investimento global de máis de 100.000 euros. As tarefas forman parte do contrato de inspección e revisión de estruturas por parte do Goberno galego.