O Odón de Buen, construído en Vigo, participa nunha campaña de investigación na Antartida
O buque rompe xeo de 80 centímetros e conta cun submarino autónomo
É a cuadraxésima campaña española. Na Antártida, España ten dúas bases desde 1988 e, ata agora, o apoio e o mantemento facíao o Hespérides. A partir deste ano encárgase o novo buque.
"A primeira misión será abrir estas dúas bases. Logo, despois duns 30, 25 días fará porto e empezarán a realizarse os dous proxectos científicos que se van facer a bordo", comenta o Vicedirector da Unidade de Tecnoloxía Mariña do CSIC, Miguel Ángel Ojea.
Un é do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. Levan 15 anos estudando estes procesos.
"A idea é estudar os remuíños que se forman nos mares nórdicos no tempo do desxeo", explica o investigador do IIM, Xosé Antón Álvarez Salgado.
O Odón de Buen é dos oceanográficos máis avanzados do mundo. Ten 84 metros de eslora e 17 de manga. Conta con case 1.000 metros cadrados de laboratorios e instalacións para traballar durante meses, propulsión híbrida, capacidade polar para romper xeo de 80 centímetros e un vehículo submarino autónomo que baixa ata 6.000 metros.
"É o primeiro buque con capacidade polar real na frota oceonográfica española", asegura Miguel Ángel Ojea.
Saíu dos estaleiros Armón de Vigo, onde se construíu a maioría da frota oceanográfica europea dos últimos 20 anos. Houbo encargos de Nova Zelandia, Chile ou Arabia e un bo número de empresas fóronse especializando en compoñentes deste sector.
O CSIC xa pensa en substituír o Hespérides en 2030, e a comunidade científica pon un nome enriba da mesa...
"Pensamos que sería unha boa idea poñerlle o nome de Josefina Castellví, como pioneira da investigación antártica española", di Xosé Antón Álvarez Salgado.
Serán, xunto ao Odón de Buen, as dúas xoias da oceanografía española.