O maior buque oceanográfico do IEO-CSIC amarra na Coruña
A tecnoloxía do Odón Buen permítelle explorar os océanos de todo o mundo
O naturalista aragonés Odón de Buen fundou o Instituto Español de Oceanografía en 1914. Honrando o seu legado, o nome deste pionerio loce no casco do buque de investigación e de exploración mariña máis avanzado do CSIC, unha embarcación equipada coa última tecnoloxía capaz de operar en calquera océano do mundo que esta fin de semana amarrou no porto da Coruña.
O Odón de Buen acaba de concluír unha campaña en Galicia, recollendo mostras en augas costeiras e en zonas profundas. É unha máis das series temporais de hidrografía oceánica que o Instituto Español de Oceanografía realiza desde hai tres décadas para tratar de descifrar a evolución do clima e dos sistemas mariños.
"Se queremos saber o que pasa, se hai cambio climático ou cambio global, temos que facer estudos a longo prazo, anualmente. Agora mesmo temos datos de hai trinta anos e xa podemos empezar a facer comparativas", comenta a responsable de campaña, a investigadora Mar Nieto-Cid.
Son os primeiros pasos de vida científica do buque de investigación máis grande e máis avanzado de España. As súas características técnicas e o seu equipamento tecnolóxico amplían as posibilidades de exploración oceánica.
"Este equipamento está moi ben deseñado para as augas antárticas. Isto proxéctanos moito máis aló do que puidemos facer ata agora. Se tivésemos o tempo necesario poderiamos ampliar as zonas actuais de investigación ao Ártico e ao Índico", explica Carlos Closa, do CSIC.
Entre as súas xoias tecnolóxicas, un dron submarino autónomo, que permitirá realizar estudos precisos dos fondos mariños situados a profundidades de ata 11.000 metros. O Odón de Buen sobresae polo seu enfoque multidisciplinar.
"Eu destacaría a capacidade deste buque para facer distintos estudos de investigación de forma multidisplinar e con tecnoloxía de vangarda, tanto estudos de campo climático, como de pesca sostible ou de biodiversidade mariña", salienta Rosa Figueroa, directora do IEO.
A próxima campaña transcorrerá en augas canarias.