OPINIÓN
Estes modernos tan antigos, por María Bastida
O próximo 19 de novembro podería caer a produtividade mundial. Anticipamos un conflito xeopolítico? Unha crise financeira? Un choque? Non. Sae un videoxogo.
Despois de 13 longuísimos anos, chega o Grand Theft Auto VI, GTA para os amigos. Tanta xente agardaba este momento que nos Estados Unidos se dispararon as solicitudes de vacacións. Así que, algunhas empresas decidiron directamente pechar. O que implica, segundo algunha estimación, preto de mil millóns de dólares en produtividade perdida. Mil millóns! Porque a xente non vai traballar... para quedar na casa roubando coches virtuais.
O certo é que, coma sempre, aquí tamén hai dúas caras. Por unha banda, temos empresas que perderán horas de traballo. Pola outra, unha industria que move auténticas fortunas. O GTA V vendeu uns 230 millóns de copias. E esta nova entrega pode converterse nun dos maiores lanzamentos comerciais da historia do entretemento. Así que, no fondo, que alguén colla vacacións non significa que o PIB perda automaticamente o que produciría ese día. Se consume, tamén está xerando actividade económica. Uns perden produción, outros multiplican os seus ingresos. Que tampouco está mal como retrato da nova economía. E, por certo, o novo GTA véndese sen disco, así que non se pode prestar nin revender. Dentro do videoxogo podes roubar un Ferrari, pero fóra non lle podes prestar o xogo ao teu cuñado. Iso si que é entender o negocio dixital!
E por se alguén pensa que vivimos tempos estraños, aí teñen outra noticia de hoxe. Jensen Huang, o todopoderoso xefe de Nvidia, acaba de dimitir. Non era unha infidelidade... eran dúas. Que saibamos. E con sospeitas de espionaxe polo medio. Así que, fíxense que paradoxo. Temos unha economía capaz de crear mundos virtuais, fabricar intelixencia artificial e mover billóns de dólares. Pero uns deixan de traballar para roubar coches imaxinarios e outros perden o seu posto por problemas tan antigos como poñer os cornos.
Moito chip, moito algoritmo e moita revolución tecnolóxica... pero os seres humanos seguimos funcionando co software de toda a vida.