A Xunta denuncia que Galicia queda "discriminada" coa nova planificación eléctrica
A comunidade recibe o 3,5 % do investimento total do Goberno, sen ter en conta nin o peso poboacional nin a achega renovable que fai Galicia ao conxunto do Estado, salienta a conselleira María Jesús Lorenzana
Tamén denuncia a titular galega de Economía que existen áreas con déficits enerxéticas e cita o caso da Plisan, nas Neves, onde "non existe conexión eléctrica suficiente para os proxectos industriais"
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ve "insuficiente" o investimento da nova planificación eléctrica en Galicia, que queda "francamente discriminada" porque é, segundo as súas cifras, só un 3,5 % do total, con 599 millóns de euros.
Ademais, a conselleira critica que a planificación non ten en conta nin o peso poboacional nin a achega renovable que fai a comunidade galega ao conxunto estatal.
Lorenzana fixo estas declaracións en Viena, coincidindo coa clausura da feira Enlit Europe, o principal congreso europeo sobre a transición enerxética, e despois de que a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, comparecese este xoves, a petición propia, ante a Deputación Permanente do Congreso para explicar a planificación da rede de enerxía eléctrica.
Galicia ocupa o décimo primeiro posto en volume de investimento
Segundo a conselleira de Economía, entre as 17 comunidades autónomas, Galicia queda en décimo primeiro lugar en volume de investimento por parte do Executivo, "ao non terse en conta tampouco as solicitudes dos puntos de evacuación necesarios nin a demanda enerxética derivada do crecente desenvolvemento industrial que está a rexistrar a comunidade".
Recoñece que Galicia queda "ben reforzada" na zona da Coruña e Arteixo, pero sinala "déficits importantes" e menciona a Plisan (Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves), onde "non existe conexión eléctrica suficiente para os proxectos industriais nesta zona".
Tamén se refire á área máis ao oeste da provincia de Lugo, e á zona de Curtis, "que quedan sen reforzo e onde, en consecuencia, quedan tamén moi comprometidos" futuros proxectos.
Centrais reversibles de Ourense
Desde o punto da evacuación, avisou de que non se reforzan "moitas" das áreas estratéxicas para a comunidade e en concreto apunta ás centrais reversibles da provincia de Ourense.
Con respecto á zona de Meirama (A Coruña), indicou que do último concurso de acceso ao nó de transición xusta "xa se desprende de xeito claro que non existe enerxía suficiente para todos os proxectos que a precisan" e na nova planificación, alerta, "non se reforza".