Publicador de contidos

Publicador de contidos

Folga Xeral, ou case, por María Bastida

OPINIÓN

Folga Xeral, ou case, por María Bastida

María Bastida 12/11/2026 07:47

Pois xa pasou. Folga xeral en España, despois de catorce anos. Comisións Obreiras e UXT, con toda a artillaría. O resultado? A patronal di que parou menos do 5 %. Os sindicatos din que foi un éxito, pero non dan a cifra estatal porque, segundo UXT, facer medias «é aburrido». Aburrido. Mire, cando un enche o estadio, non se aburre contando a recadación.

E xa que estamos falando de números, fagamos as contas nun pano de papel. España produce uns sete mil millóns de euros por día laborable, aproximadamente. Se quedase paralizado o 5 % da actividade, estariamos a falar duns trescentos cincuenta millóns. Non é unha estimación das perdas reais, pero serve para facernos unha idea. E parte desa produción podería recuperarse esta mesma semana. En termos macroeconómicos, calderilla: apenas dúas centésimas do PIB anual. Agora ben, se parase a metade da actividade, a cifra teórica superaría os tres mil millóns. Así que en que quedamos? Paralización masiva da economía ou funcionamento normal? Porque as dúas cousas, difícil.

Pero hai algo máis que non aparece nesas contas: quen pagou realmente a folga? Porque unha cousa é decidir parar e asumir o custo, e outra moi distinta obrigar a parar a quen quere traballar. Penso nos autónomos, nos pequenos comerciantes, nos que onte tiveron que baixar a persiana ao paso dos piquetes. Esa xente non estaba exercendo o seu dereito á folga. Estaba intentando exercer o seu dereito a traballar. E aquí está o paradoxo: algúns dos que menos poden permitirse perder un día de ingresos acabaron pagando unha protesta que nin sequera decidiran secundar.

Sinceramente, creo que o de onte distou bastante do concepto de folga. Soou bastante máis a acto de campaña con asubío. O día 29 hai convocada outra mobilización. Esa si que é xeral, si que é libre e non necesita piquetes. Chámase urna.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar