A Xunta cre que a convocatoria de eleccións non debería interferir no proxecto de SAIC para Ferrol
"Por parte da Xunta, a tramitación continúa con normalidade", remarcou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana
Primeiros coches chegados a Ferrol nun barco portavehículos de SAIC (TVG)
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, afirmou este venres durante a súa visita ás instalacións do Grupo J. Rilo, en Ferrol, que a convocatoria de eleccións xerais para o próximo 29 de novembro non debería interferir no proxecto da multinacional chinesa SAIC para Ferrol.
"Por parte da Xunta, a tramitación continúa con normalidade", remarcou, lembrando que é "absolutamente crucial para a empresa ter esa autorización de investimento estranxeiro".
Nese sentido, sinalou que as reunións entre a empresa e o Goberno seguen celebrándose, unha dinámica que, subliñou, é "unha boa noticia".
Por iso, insistiu en que "non debería influír desde o punto e hora en que é un expediente iniciado antes da convocatoria de eleccións".
Lorenzana realizou estas declaracións durante a súa visita ao Grupo J. Rilo, unha empresa familiar con case 60 anos de historia que, explicou, "é unha mostra do que é o empresariado familiar de Galicia, adaptándose aos tempos, con tres actividades diferentes e vinculadas, desde a valorización, a xestión e o transporte de residuos, ata o alugueiro de maquinaria e a construción de obra civil pública e privada".
Ademais, a conselleira destacou o principio de sustentabilidade que aplica un grupo con 120 empregados e dez centros de traballo. A estes sumarase pronto, lembrou Juan Rilo, un dos irmáns propietarios, o proxecto de Valogreene nas Somozas, cun socio alacantino, que permitirá valorizar residuos que ata o de agora non tiñan esa posibilidade.