Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia e outras rexións da UE piden reformar a política pesqueira e máis financiamento

Galicia e outras rexións da UE piden reformar a política pesqueira e máis financiamento

As peticións enmárcanse na Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas, unha organización que reúne a máis dun cento de autoridades rexionais de 21 países e refírense a Visión 2040, o documento presentado en outubro pola Comisión Europea que establece unha perspectiva para a pesca e a acuicultura a catorce anos vista

A conselleira do Mar xunto ao director de Asuntos Marítimos e Clima no encontro celebrado en Bruxelas. EFE
G24.gal 24/11/2026 15:14

A Conferencia de Rexións Periféricas e Marítima, unha organización que reúne a máis de cen autoridades rexionais de 21 países, entre elas Galicia, reclamou este martes á Unión Europea unha reforma da Política Pesqueira Común e un financiamento "suficiente" como resposta á recente iniciativa do Executivo comunitario sobre o futuro do sector.

Nunha reunión do grupo de traballo de pesca en Bruxelas, representantes de rexións, xunto a asociacións medioambientais ou laborais, debateron sobre a Visión 2040, o documento presentado en outubro pola Comisión Europea que establece unha perspectiva para a pesca e a acuicultura a catorce anos vista.

O encontro foi presidido pola conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, na súa calidade de presidenta do grupo de traballo, desde a Fundación Galicia Europa. As rexións presentaron e achegaron posturas sobre o informe "Visión 2040: Renovar hoxe para asegurar mañá", elaborado pola Xunta e a secretaría xeral daw Conferencia en resposta á proposta do Executivo comunitario.

No documento, a Conferencia "acolle favorablemente" a iniciativa da Comisión, con quen "comparte a mesma ambición para 2040", pero discrepan "sobre como alcanzala".

O informe sinala catro carencias, como un compromiso lexislativo, unha transición xusta, un financiamento á altura e un papel real para as rexións e o sector "para axudar a decidir, non só a executar".

Así mesmo, recolle dez prioridades, como unha revisión lexislativa específica da Política Pesqueira Común, maior gobernanza a todos os niveis da Administración, unha frota moderna e sostible, unha pesca e acuicultura atractivas para os mozos, unha Política Pesqueira Común con enfoque territorial ou un financiamento comunitario "suficiente e previsible".

"Para unha rexión marítima a pesca non é unha estatística: é o porto ás seis da mañá, é a lonxa, a conserveira, o taller ou a persoa que repara as redes. É o motivo polo que moita xente poida seguir vivindo e traballando na costa en lugar de irse", asegurou a conselleira na reunión.

"Trátase de achegar a voz das rexións á Comisión Europea para explicarlle como necesitamos que sexa a pesca a 15 anos para que esta actividade poida seguir sendo viable e poida seguir enriquecéndose e poida seguir sostendo as nosas comunidades marítimas", engadiu.

Villaverde pediu tamén que se teñan en conta as "particularidades" das rexións, aínda que compartan as "mesmas necesidades".

En canto ao financiamento, o documento considera "insuficiente" a contía destinada a pesca actual e tamén la prevista no próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, cuxa última proposta presentou o sábado o presidente do Consello Europeo e negociarán esta semana os xefes de Estado e de Goberno da UE en Bruxelas.

"Non nos parece ben nin a contía, que nos parece insuficiente, nin a estrutura. A estrutura ten que ser unha contía dun fondo específico para o sector pesqueiro e que non teñamos que competir con outros fondos nin con outras políticas á hora de poder destinar o financiamento necesario ao noso sector", expresou Villaverde a preguntas dos medios de comunicación tras a reunión.

Aínda así, a conselleira asegurou na súa intervención que "a porta parece non estar pechada" por parte das institucións comunitarias ante as demandas da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade