O buque de rutas polares Ocean Albatros fai a súa escala inaugural na Coruña
É unha embarcación de luxo que fai rutas polo Ártico e a Antártida
O Ocean Albatros aportou na Coruña envolto na bruma da mañá. Non semella gran cousa visto desde a distancia, sobre todo ao confrontalo coas siluetas dos dous colosos que entraron no porto uns minutos antes. Non pode competir en dimensións nin en cifras, pero a súa proa invertida xa nos dá unha pista de que non é un cruceiro máis.
"É un buque de expedición polar clase seis. Acabamos de regresar da Antártida e proximamente navegaremos ao Ártico, pero ás veces tamén temos a fortuna de poder visitar portos como o da Coruña", explica o capitán, Tino Borovina.
É unha embarcación de luxo de pouco máis de cen metros de eslora especializada en expedicións polares. Os pasaxeiros, algo menos de douscentos, viaxan con todas as comodidades, en camarotes con vistas panorámicas a paisaxes remotas. A travesía engádelle á experiencia o compoñente da aventura.
"Non está pechado. O cruceiro de expedición depende da meteoroloxía, da visibilidade, así que tes que estar cambiando constantemente para darlles aos pasaxeiros a mellor experiencia posible".
Con motivo da súa primeira escala na cidade, celebrouse a bordo o tradicional intercambio de metopas entre as autoridades.