A flor de pascua repite o seu éxito nos viveiros galegos ante a chegada do Nadal
Esta planta florece cara a final de ano e ten un prezo moi económico, entre os seis e os dez euros
Viveiros Compostela é un exemplo do éxito que ten cada ano a venda das flores de pascua. Trátase dunha planta que florece no inverno, o que coincide coas datas propias do Nadal. Moitos clientes apostan por esta opción para decorar ou agasallar.
"A planta que producimos aquí en Galicia é unha planta de calidade, que está adaptada ás temperaturas, á auga, ao clima. É unha flor que aguanta, que é o que a xente quere", explica Ofelia Vieites, responsable de produción en Viveiros Compostela.
O seu prezo económico, entre os seis e os dez euros, e a súa cor vermella, símbolo destas datas, fan que esta planta se converta nunha das opcións máis prácticas. Os expertos aproveitan estes días para lembrar uns sinxelos consellos de coidados.
"Auga, a mínima. Só hai que botarlle un pouco cando o precise. É recomendable deixar a planta nunha zona luminosa e sen demasiada calefacción", comenta a mesma responsable.
Para quen prefire arriscar un pouco mías, hai onde escoller: flores brancas, rosas ou amarelas. Con todo, dende os vivieiros advirten que estas chamativas tonalidades non se conservan todo o ano.
"Despois desta tempada, as flores vólvense verdes e non resulta unha planta tan atractiva. É unha planta estacional", conclúe Ofelia Vieites.