As declaracións dos axentes da Policía Nacional reconstrúen a morte violenta de Amin en Ourense
Terceira xornada do xuízo pola morte violenta do mozo de 21 anos que morreu tras recibir unha navallada directa ao corazón, tras unha pelexa na zona dos viños de Ourense
O xurado popular escoitou a reconstrución que fixeron sete axentes da Policía Nacional e a posterior detención do acusado, que foi perseguido por varias testemuñas ata a zona do río Barbaña
Tamén compareceu o mellor amigo da vítima, que recibira un golpe dentro do local, pero di que non lembra nada porque quedara incosciente
Sete axentes da Policía Nacional de Ourense reconstruíron ante o xurado popular o sucedido aquela tráxica madrugada do 29 de novembro de 2024. Segundo o responsable de investigación, a pelexa comezou dentro do Pub Destino, e continuou na rúa, na zona dos viños ourensá.
"No bar hai unha pelexa, ao detido lánzalle un vaso, logo esa pelexa segue na rúa. Na rúa agreden a ese señor. Hai un vídeo, imaxino que o porían aquí, onde se lle ve caído no chan e estano pateando enriba", explica o xefe do equipo da investigación policial .
Segundo as declaracións que tomaron esa noite e os posteriores días. Nicusor acabou no chan, golpeado por varias persoas. Despois levantouse e afastouse do lugar, seguido por dous mozos.
"Este señor marcha. Marcha e ségueno dous. e esa mala pata de que este señor revólvese e pincha o outro" explica o axente.
Os axentes tamén explicaron como recuperaron a navalla do río Barbaña coa colaboración dos bombeiros. Un dos policías identificou a navalla e dixo que tiña o tamaño normal, que faría o mesmo dano que unha máis grande. O que lle chamou a atención "é que saia con ela por unha zona de ocio e non que a teña no coche".
Na contorna do parque e o río Barbaña foi onde os axentes detiveron o acusado. Varias persoas sinalárono como o presunto autor da navallada. O axente que o detivo asegurou que estaba tranquilo no momento e que non opuxo resistencia.
Na vista tamén declarou Dani, que se identificou como o mellor amigo de Amín, o rapaz que estaba a celebrar no bar o seu aniversario. Dani foi o que recibiu unha puñada dentro do local. Pero asegurou que non lembra como pasara e que o soubo posteriormente, que estaba inconsciente e que o seu amigo Amín falecera.
O xuízo continúa estes días á espera das delaracións dos forenses e as probas periciais. A fiscalía solicita 15 anos de cárcere por un homicidio e a acusación particular 25 por asasinato. A avogada do acusado pide a libre absolución por lexítima defensa.