A defensa do condenado polo crime de Salceda de Caselas pide a nulidade do xuízo ou unha sentenza absolutoria
A defensa do condenado polo crime de Salceda de Caselas pide a nulidade do xuízo ou unha sentenza absolutoria
As acusacións consideran que o veredicto está fundamentado e piden que se impugne o recurso
O alto tribunal galego será quen decida agora
O home que foi condenado a 20 anos de cadea tras ser considerado, por un xurado popular, autor dun delito de asasinato con aleivosía, volveu sentar no banco dos acusados. Desta volta, para presenciar a vista de apelación. Porque tras practicarse toda a proba, os membros do xurado popular entenderon acreditado que a vítima faleceu polas feridas que lle causou a arma branca ao perforarlle o corazón. E tamén que houbo aleivosía na sorpresividade do ataque, acontecido en xuño de 2019, diante dun bar, en Salceda de Caselas.
Porén, a defensa non está conforme coa sentenza e recorreuna.
"Desde un primeiro momento eu fixen ver que o meu temor estaba en que o meu cliente fose condenado non polas declaracións e recoñecementos no xuízo senón polas declaracións e recoñecementos en sede policial, como así foi inicialmente. E eu entendo, por ese motivo, que o xurado estaba contaminado. Isto obriga a unha sentenza absolutoria, que dubido que sexa o caso, ou ben unha repetición do xuízo. E sosteño que o meu cliente non foi o autor dos feitos", explica Manuel Ferreiro, avogado da defensa.
Pola súa banda, a fiscalía considera que o veredicto está fundamentado e pide que se impugne o recurso. O mesmo a acusación particular.
"O que solicitamos é que se manteñan os vinte anos de condena. O que se alega pola outra parte, que houbo indefensión, porque non se puido acreditar que o acusado estivera no lugar do crime, nós entendemos que o xurado argumentou perfectamente a súa condena e a sentenza tamén está perfectamente argumentada. Non hai ningún tipo de indefensión", di Álvaro Martíne Herrera, avogado da acusación particular.
Agora a decisión está en mans do alto tribunal galego.