Prisión preventiva para o expresidente do Paraguai polo peche de Ueno bank
A Fiscalía acusou formalmente a Santiago Peña de presunta lesión de confianza e administración en proveito propio
Peña e o seu avogado co xuíz. Pazo de xustiza do Paraguai vía REUTERS
Un xuíz do Paraguai ordenou o ingreso en prisión preventiva do expresidente Santiago Peña, despois de que a Fiscalía o acusara formalmente de presunta lesión de confianza e administración en proveito propio dentro da investigación polo peche de Ueno bank.
"Este cidadán debe estar baixo a figura da prisión preventiva para garantir o seu sometemento a este procedemento", díxolle á prensa o xuíz penal de Garantías de Delitos Económicos Humberto Otazú, tras unha audiencia de imposición de medidas.
O Banco Central (BCP) ordenou o pasado martes un procedemento de resolución ou disolución de Ueno bank, unha institución con 2,94 millóns de clientes, entre eles entidades públicas que depositaron millonarios fondos durante o mandato de Peña.
O peche desatou unha crise que foi medrando a medida que a xente comezou a comprobar que tiña conxelados os seus cartos na entidade bancaria.
O exmandatario, de 47 anos, vai continuar recluído no Rexemento Escolta Presidencial, onde pasou a noite do venres logo de facerse efectiva unha orde de detención tras a súa destitución no Senado, nun xuízo político, por "mal desempeño de funcións".
A decisión, adoptada polos 44 senadores presentes, evitou que o exmandatario se convertese en senador vitalicio e contase con foros.
O maxistrado asegurou que Peña "se abstivo de declarar" e que non vai ser trasladado a unha prisión común porque "manexa demasiada información sensible" en asuntos como o crime organizado.
A imputación fiscal indica que Santiago Peña "interviría en circunstancias relacionadas coa colocación, renovación e permanencia de importantes sumas de diñeiro provenientes de entidades públicas e previsionales" nese banco.
Ademais, de acordo coa acusación do Ministerio Público, "mantería unha relación económica e corporativa previa" con Ueno holding, un grupo empresarial que inclúe a finiquitada entidade financeira.
Por este caso, a Fiscalía tamén imputou a 27 persoas, entre elas Miguel Vásquez, un dos fundadores de Ueno bank.