Detido o presidente do Paraguai polo peche de Ueno Bank
A Fiscalía vincula a Santiago Peña coa entidade bancaria á que foron parar millonarios fondos de entidades estatais
O Senado destituíuno nun xuízo político por crearlle "un buraco de 1.200 millóns de dólares ao pobo paraguaio"
Peña nun acto oficial en Taiwán. REUTERS/Ann Wang/Arquivo
A Policía do Paraguai detivo na súa residencia o presidente do país Santiago Peña, destituído horas antes polo Senado nun xuízo político en relación coa crise desatada polo peche de Ueno Bank.
A Fiscalía vincula o exmandatario coa entidade bancaria, con 2,9 millóns de clientes neste país de 6,1 millóns de habitantes, á que foron parar durante a súa xestión millonarios fondos de entidades estatais.
O que comezou o pasado martes cunha publicación en X do Banco Central do Paraguai (BCP) comunicando o inicio dun proceso de resolución, tornouse nunha tormenta a medida que a clientela comprobou angustiada que tiña os seus cartos conxelados.
A medida, segundo a entidade emisora, adoptouse tras constatar que o índice de Ueno estaba por baixo do 50% do mínimo requirido "como consecuencia de axustes realizados aos seus estados financeiros" durante un proceso de regularización.
Protesta ás portas da residencia de Santiago Peña. REUTERS/César Olmedo
Xuízo político
O desenlace viviuse este venres no Senado, na segunda xornada dun xuízo político impulsado por deputados da oposición e disidentes do oficialismo.
Os 44 senadores presentes, na súa maioría antigos correlixionarios, declararon culpable a presidente, que enviou dous avogados, por "mal desempeño de funcións" e, en consecuencia, destituírono.
A votación converteu a Peña, de 47 anos, no segundo presidente na historia recente do país desaloxado do poder mediante un xuízo político, despois do esquerdista Fernando Lugo (2008-2012).
Peña permanecía no cargo despois de que o Congreso non se pronunciara por falla de quórum sobre a renuncia que presentou o xoves. Desde entón, o debate centrouse na conveniencia da súa saída por dimisión ou destitución.
O artigo 189 da Constitución establece que os expresidentes elixidos democraticamente serán senadores vitalicios, "salvo que fosen sometidos a xuízo político e declarados culpables".
Un senador vitalicio goza de foros e non pode someterse a un proceso penal sen que se aprobe no Congreso o retiro da devandita inmunidade. Coa destitución, Peña non será senador vitalicio, o que deixou o camiño aberto para sometelo á Xustiza.
O novo presidente do Paraguai, Pedro Alliana. REUTERS/César Olmedo
Bóla de neve
Os achados do BCP confirmaron o que meses atrás advertían profesionais e deputados da oposición respecto a Ueno, mentres o entón xefe de Estado avogaba pola institución.
O impacto e o malestar medraron a medida que se coñecían as cifras. Dous de cada tres paraguaios, segundo a web do banco, tiñan conta nesa entidade, entre eles 32.000 dos 91.000 xubilados do Instituto de Previsión Social (IPS), que recibían as súas pensións cada mes.
O IPS, que investiu 355 millóns de dólares na entidade, é unha das cinco caixas xubilatorias que confiaron os seus fondos nunha institución que o Banco Central "matou", xa que "non tiña remedio", asegurou este venres a deputada Rocío Vallejo, ao presentar as alegacións finais do xuízo.
A lexisladora subliñou que Peña "creou un buraco de 1.200 millóns de dólares ao pobo paraguaio" e "tres millóns de prexudicados nun só día", en alusión ao proceso de resolución, polo que se referiu ao agora exgobernante como "o desfalcador máis grande da historia do Paraguai".
A destitución activou a sucesión no Executivo, que pasou a mans do ata hoxe vicepresidente, Pedro Alliana, quen xurou nunha sesión extraordinaria do Congreso. Exercerá o cargo ata agosto de 2028, cando conclúe o período actual de Goberno.
Namentres, a Fiscalía reportou a incautación de bens como avionetas, vehículos de luxo e abundante documentación nos rexistros de Ueno e das empresas de Ueno Holding, nas que Peña tivo accións ata marzo de 2025, segundo a acusación.
Ademais, enviou a un centro de procesados a Miguel Vázquez, un dos fundadores de Ueno, e outros cinco directivos. Pola súa banda, o expresidente do Banco Central do Paraguai, Carlos Carvallo, entregouse ás autoridades locais, tras a emisión dunha orde de detención na súa contra.
O agora ex xefe do BCP renunciara o martes tras anunciarse o proceso de resolución da entidade. Antes de chegar á institución emisora, no 2023, Carvallo dirixira a Financeira Ueno, que deu orixe ao banco intervido.