Publicador de contidos

Publicador de contidos

Piden 30 anos para o Minibull de Pontevedra por tentar matar a coiteladas a 2 irmáns

Piden 30 anos para o Minibull de Pontevedra por tentar matar a coiteladas a 2 irmáns

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra celebra deste este xoves o xuízo a este mozo que está en prisión desde que aconteceron os feitos, en febreiro de 2025

A vista comezou coa declaración das dúas vítimas, que contaron que o acusado levaba meses ameazándoos polas redes 
 

O acusado no xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra. TVG
G24.gal 05/11/2026 16:06

Comezou, na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, o xuízo ao mozo acusado de tentar matar a coiteladas, supostamente, dous irmáns en Pontevedra.

A Fiscalía solicita trinta anos de prisión por dous delitos de intento de asasinato e outro de ameazas continuadas.

O acusado, que ten agora 20 anos, solicitou declarar o final da vista. Está en prisión dende febreiro de 2025 cando ocorreron os feitos.

O mozo, alcumado en redes Minibull, acolleuse ao seu dereito a declarar ao final da vista, que comezou co relato dos dous irmáns que recibiron as coiteladas.

Unha das vítimas recibiu varias coiteladas

Explicaron que os feitos aconteceron nunha zona de lecer nocturno de Pontevedra en que coincidiron pouco despois do encontrón que un deles tivo cun amigo do acusado. Ao tentar protexerse mutuamente das supostas agresións relataron que, en diferentes momentos das mesmas, recibiron varias puñaladas coa navalla que levaba o investigado. Un deles polas costas, ao tentar defender o seu irmán.

Os feitos remóntanse a febreiro de 2025 pero os dous irmáns agredidos explicaron que o acusado levaba meses ameazando de morte a un deles a través das redes sociais e que mesmo chegou a intimidalo fisicamente con armas brancas en diferentes escenarios en que se atoparon.

No xuízo tamén declararon que despois da agresión seguiron recibindo ameazas e intimidacións do círculo familiar do acusado que xa denunciaron.

Na sesión deste xoves tamén declararon amigos das partes, policías e peritos. O escrito da acusación recolle que o acusado ten diagnosticado un trastorno psicótico e do comportamento pero a fiscalía considera que iso non alterou as súas capacidades cognitivas.

Enfróntase a trinta anos de cárcere polos delitos de tentativa de asasinato e ameazas continuadas. Penas ás que se suman 24 meses de multa por quebrantamento de condena xa que supostamente levaba unha navalla pese a ter vixente a prohibición de portar armas derivadas dun procedemento de violencia machista.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade