A Xunta estende a alerta por seca ás bacías de Ferrol, A Coruña, costa de Pontevedra e Vigo
Aínda que se prevé que chova nos próximos días, non se agarda que solucione a situación de seca prolongada
Son xa 59 os concellos afectados e outros 64 están en prealerta
Arquivo (Europa Press)
A Xunta decidiu este xoves estender a declaración de alerta por escaseza de auga a catro novas áreas de Galicia-Costa. Trátase de Ferrol, A Coruña, a costa de Pontevedra e Vigo. Estas zonas súmanse as do río Lérez e do río Anllóns, que xa estaban en situación de alerta desde o mes de agosto.
A Oficina da Seca tomou a decisión ante a evolución da situación na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa nas últimas semanas, que afecta a un total de 59 concellos das provincias da Coruña e Pontevedra.
En concreto, asegura a Xunta nunha nota, "tomáronse en consideración desde un punto de vista técnico diversos factores relativos á situación de cada sistema fluvial, como son os datos e as previsións meteorolóxicas, o caudal medio dos ríos, a ocupación dos encoros e outros indicadores de seca e escaseza".
Aínda que se prevén precipitacións nos próximos días, o escenario actual segue marcado por unha redución das precipitacións sostida no tempo, e prevese unha situación de seca prolongada en toda a demarcación de Galicia-Costa.
Esta declaración non implica por si mesma restricións nos usos e consumos de auga. De feito, a efectos prácticos as limitacións e posibles medidas de aforro sobre os abastecementos municipais afectados seguirán dependendo da fase de escaseza en que se atope cada sistema.
En total 123 concellos están parcial ou completamente incluídos nas unidades afectadas pola escaseza de auga: 59 en alerta ou con medidas equivalentes e outros 64 en prealerta.
En relación ao estado de alerta, o segundo nivel máis alto dos establecidos no Plan especial da seca, implica intensificar as medidas para conservar os recursos dispoñibles. Segundo as necesidades, poden adoptarse limitacións sobre usos non prioritarios como o baldeo de rúas ou a rega de xardíns.
No caso do estado de prealerta trátase dunha fase de vixilancia reforzada, co seguimento da situación meteorolóxica, dos niveis dos ríos e encoros e das posibles incidencias, ademais de promover un uso responsable da auga e minimizar gastos públicos non esenciais.
Os 59 concellos que están en situación de alerta son:
Na unidade de Ferrol, referida ao ríos Mera e as rías de Ortigueira e Cedeira: Ares, Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cerdido, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Valdoviño, Moeche, Neda, San Sadurniño e As Somozas.
Na unidade do río Verdugo, nas rías de Vigo e Baiona, e o subsistema Zamans e Baiona: Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Vigo e Baiona.
Na unidade da Costa de Pontevedra: A Guarda e O Rosal.
Na unidade do río Mero, Arteixo e ría da Coruña: A Coruña e Cambre.
Na unidade do río Lérez: Beariz, Barro, Bueu, O Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda, Vilaboa.
E na unidade do río Anllóns: Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia, Zas.
Os 64 concellos afectados pola situación de prealerta son:
Nas zonas dos ríos Umia e ría de Arousa: A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, O Grove, Portas, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.
Na área do río Tambre e da ría de Muros: Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Carral, Curtis, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Oza-Cesuras, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado, Toques, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar.
Na zona do río Mandeo e da ría de Betanzos: Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Sada, Vilarmaior, Friol, Guitiriz.
Na área dos ríos Landro e Ouro: Alfoz do Castrodouro, Foz, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro.
Na xuntanza deste xoves participaron o conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, xunto co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, para coñecer de primeira man o funcionamento da Oficina Técnica da Seca, organismo do que forman parte tamén Protección Civil, MeteoGalicia e as consellerías de Sanidade e do Medio Rural.