Habilitan dúas vías alternativas para os veciños de San Vicente de Leira
Levaban 24 horas incomunicados polo derrubamento dunha ponte na OU-0807
A Confederación Hidrográfica habilitou unha estrada local e a Deputación unha pista forestal para darlles servizo aos veciños
Contra o mediodía do domingo, a ponte de Baxeles colapsaba, deixando incomunicados a vintena de veciños que residen en San Vicente de Leira, a aldea de Vilamartín arrasada polos incendios de 2025.
"Isto é consecuencia dos incendios. De non ter feito as cousas hai un ano", lamenta unha veciña.
Interrompido o tráfico pola estrada provincial, a única alternativa era unha estrada local, a do Mazo, afectada tamén pola riada, que a deixou intransitable de leña e lama.
"Está atrancada polas chuvias e non poden saír. Levan 24 horas encerrados, e son persoas maiores", sinala outra veciña.
A Confederación Hidrográfica ocupouse da limpeza da estrada do Mazo e a Deputación de habilitar para o tránsito de turismos unha pista forestal, de maneira que haxa dúas vías alternativas para os veciños.
Luis Menor, presidente da Deputación Provincial de Ourense: "Estamos desde o primeiro minuto na vía garantindo a seguridade, actuando para restablecer a vía dentro do ámbito das nosas competencias e colaborando coas outras administracións para ter atendida a poboación".
Atribúen o colapso da ponte ao dano dos incendios combinado cos restos das cortas e cunha drenaxe insuficiente das estradas.
Marta Docampo, directora de Infraestruturas da Deputación: "Imaxinai unha presa que non é presa aguantando todo ese empuxe de auga. Acabou rebentando a estrada".
Anunciaron que van executar a reparación da estrada derrubada por vía de urxencia para axilizar as obras.