Desartellan unha rede que vendía cocaína en Ferrol con reparto en patinete a domicilio
Deteñen os dous líderes, con 12.000 doses listas para enviar ao consumidor final, no que estaban especializados
En xaneiro caera a primeira parte a banda, en Rubí, en Barcelona, e en Ferrol, onde viñan vender
Como un Glovo pero para reparto de cocaína.
"Patinetes, agora mesmo móvese todo en patinetes e por Telegram", resume un consumidor de drogas.
Telegram para facer os pedidos.
"Telegram é como internet pero non se pode rastrexar. Encárgase aí e lévancho á casa. Eu non compro en Telegram, vou a algunha casa que coñezo", engade o mozo.
Ou por teléfono, que estaba operativo as 24 horas do día, os sete días da semana, con entrega a domicilio e repartidores en patinete aos que ían cambiando cada poucos meses.
Así funcionaba a rede que movía a coca dende O Inferniño, onde detiveron os líderes. Tíñano moi ben montado, aínda que o movemento no barrio era sospeitoso.
"Hai bastante delincuencia nesta zona. Vese 'trapicheo' de drogas. Iso si, hai moita policía por aquí pero vese xente en patinete".
"Vese que a policía pasa por aquí e para a mirar. Eu vexo xente cun aspecto, que o aspecto, fala".
Non son os únicos na cidade que traballan así. Confírmanolo un cliente que fai os encargos nun grupo pechado de Telegram. Di que para o reparto tiran de xente noviña, mesmo menores, que precisan sacar algo de efectivo.
A policía seguíalles a pista dende o ano pasado.
"Eu tiña un patinete e paráronme co patinete facendo moitas preguntas diso, asi que supoño que a cousa vai por aí",
En xaneiro caeron seis membros da organización, catro en Rubí, en Barcelona, porque era alí onde gardaban parte dos beneficios e de infrastrutura clave.
A Ferrol viñan vender. Aquí detiveron dúas persoas, desartellaron seis puntos de venda e localizaron 10.000 doses de cocaína de gran pureza. Foi un golpe importante, o primeiro. Agora foi a segunda parte e supostamente a última porque caeron os dous líderes. Tiñan listas máis de 12.000 doses de coca, para facelas chegar a ese consumidor final. A súa especialidade.
Un dos detidos foi a prisión, pero o outro segue libre e na zona segue habendo movemento.