Acepta dous anos de prisión e unha multa de 2.195 euros por tentar introducir cocaína e haxix no cárcere de Bonxe
Acepta dous anos de prisión e unha multa de 2.195 euros por tentar introducir cocaína e haxix no cárcere de Bonxe
Levaba agochados nas súas cavidades corporais catro fragmentos de resina de cannabis, cun peso de 68,124 gramos e un valor estimado no mercado ilícito de 456 euros, así como 7 gramos de cocaína, cunha pureza do 94,4 % e un valor de 2.196,78 euros
Unha moza acusada de tentar introducir cocaína e haxix no centro penitenciario de Bonxe (Lugo) aceptou unha condena de dous anos de prisión e unha multa de 2.195 euros tras chegar a un acordo de conformidade coa Fiscalía na Audiencia Provincial de Lugo.
Os feitos remóntanse ao 7 de agosto de 2025, cando, arredor das 15:15 horas, a acusada se dirixiu á prisión de Bonxe, onde se atopaba interno quen daquela era a súa parella. Segundo o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, levaba agochados nas súas cavidades corporais catro fragmentos de resina de cánnabis, cun peso de 68,124 gramos e un valor estimado no mercado ilícito de 456,43 euros, así como 7,432 gramos de cocaína, cunha pureza do 94,4 % e un valor de 2.196,78 euros.
A Fiscalía considera que estes feitos constitúen un delito contra a saúde pública por tráfico de substancias que causan grave dano á saúde, ao tratarse de cocaína, ademais de haxix.
Inicialmente, o Ministerio Público solicitaba para a acusada cinco anos de prisión e unha multa de 5.000 euros. Porén, durante a audiencia previa celebrada este luns, as partes chegaron a un acordo que rebaixou a condena a dous anos de cárcere e fixa a sanción económica na metade.
A ausencia de antecedentes penais da moza permitiu acordar a suspensión da pena de prisión, polo que non terá que ingresar nun centro penitenciario, co compromiso de non delinquir nos próximos dous anos.