Detidas dúas persoas en Lugo por cometeren furtos en establecementos comerciais
Os sospeitosos levaban consigo efectos que acababan de ser subtraídos nos comercios da zona
Axentes da Policía Nacional de Lugo detiveron un home e unha muller como presuntos autores dun delito de furto en establecementos comerciais.
A intervención iniciouse tras un aviso á sala CIMAC do 091 por intentos de furto en comercios da zona centro de Lugo. Os axentes desprazáronse ata alí e comprobaron que había varios establecementos afectados.
Coa descrición facilitada, os policías iniciaron a procura e localizaron os dous presuntos autores dos feitos nas inmediacións. Os sospeitosos levaban consigo efectos que acababan de ser subtraídos nos comercios da zona.
Así mesmo, a Policía comprobou que ambos os dous tiñan condenas previas por delitos da mesma natureza e procedeuse á súa detención.