Interrompida a circulación ferroviaria durante horas en Quiroga por un desprendemento
Unha masa de pedras e terra caeu debilitou os soportes da vía e caeu sobre dúas vivendas e unha estrada lindeira
A liña ferroviaria entre Monforte de Lemos e Ponferrada quedou cortada durante catro horas
Dous convois de media distancia víronnse afectados e cumpriu reubicar os viaxeiros en transporte por estrada
O concello lugués de Quiroga non librou das intensas precipitacións que afectaron a Galicia e sobre as dúas do serán saltaban as primeiras consecuencias.
Unha bolsa de auga arrastraba pedras e refugallos por un noiro, afectando parcialmente á dúas vivendas e a unha estrada lindeira.
"Caeron travesas. Esta árbore é de alí enriba. O certo é que foi un susto grande", comenta Antonio Roda, un dos veciños prexudicados.
O desprendemento acabou afectando as vías do tren no lugar de Freixeiro, interrompindo a circulación ferroviaria entre Monforte e Ponferrada. Dous convois de media distancia que cubrían a liña Guillarei-Ponferrada quedaron detidos. Un deles retrocedeu cara Monforte, reubicando a sete pasaxeiros nos seus destinos mediante transporte por estrada.
"Eu chamei para que non pasara o tren por aquí, máis que nada polas cousas que pasaron ultimamente, porque penso que non é seguro", relataba o veciño afectado.
Tras os traballos para eliminar a bolsa de auga, entre o GES de Quiroga e os técnicos de ADIF e tras as comprobacións de seguridade, o administrador de infraestruturas Adif informaba antes das seis do serán que a incidencia se solucionaria. Iso si, os veciños piden medidas.
"Que saiban que isto está deixado. Que cómpre facer un muro, que onde está a poboación hai que coidarnos un pouco máis porque estamos expostos. Isto é un aviso pero a próxima vez non sabemos que vai pasar. Isto (os refugallos) non chegou á casa non sei por que", sinalaba o veciño prexudicado.
Os traballos de mantemento permiten que o tren Alvia que tiña previsto chegar a Vigo á noite procedente de Barcelona, poida circular polo punto sen complicacións.