Galicia lembra as vítimas dos sinistros viarios no seu día mundial
Por provincias, Lugo e Pontevedra concentran a meirande parte dos falecidos nestes sinistros: 23; Ourense é a que menos con 11, e na Coruña 19 persoas perderon a vida
Os peatóns, os motoristas e ciclistas, os máis vulnerables nas estradas españolas, representan o 40% de falecidos en accidentes tráfico
Terceiro domingo de novembro e temos que pór o foco nos accidentes mortais nas estradas galegas. Hoxe lembrámolos porque é o seu día.
76 mortos en 69 accidentes nas estradas galegas supoñen seis vítimas mortais menos que no mesmo período do ano pasado. Tres desos mortos foron nos primeiros doce días de novembro.
O acto central en Galicia neste día mundial en recordo das vítimas en accidente de tráfico foi no mirador da rúa Aragón en Vigo.
O lema deste 2026 é "Lembra, Apoia, Actúa. Lembra os que morreron ou quedaron con secuelas. Apoia as familias e supervivintes. Actúa para mellorar infraestruturas e previr novos sinistros". Como cada ano o acto estivo tutelado pola Asociación Stop Accidentes Galicia.
No acto acurtado pola forza do temporal en Vigo participaron o Concello e o Goberno galego, o alcalde Abel Caballero e a Conselleira de Planificación de infrestruturas María Martínez Allegue.
No monumento permanente en honor ás vítimas, Stop Accidentes Galicia fixo a súa ofrenda floral. Case todos os membros desta asociación son pais, nais, irmáns, familiares de mortos en sinistros viarios.
"Os psicólogos din que co tempo vai pasando, pero cando che matan un fillo, no noso caso unha filla única, imaxina...non se esquece nunca, para nós foi onte. Entón a nosa loita é esta, agora. Case mellor chamarlle sinistro viario, violencia viaria, porque é o que cometen. Cando unha persoa colle un vehículo e non está nas condicións de collelo, unha, que está transgredindo a lei, e que as consecuencias adoitan ser así como son" , conta a TVG Pedro Hernández, cuxa filla Carla morreu nun sinistro viario e que hoxe pertence a Stop Accidentes Galicia.
"A dor que causa unha morte nun sinistro de tráfico é para toda a vida, é irreparable. Reivindicamos a taxa cero de alcol, tamén estamos reivindicando que retiren a palabra imprudente do código penal, porque non podemos seguir permitindo que se diga que despois de beber alcol estamos ante un homicidio imprudente", matiza Ángela Jiménez, a responsable de prevención de Stop Accidentes Galicia.
Ademáis, Stop Accidentes Galicia pide á poboación que non alerte nas redes sociais dos puntos dos controis de tráfico, porque con iso poden provocar que un condutor baixo os fectos do alcol ou das drogas o un piloto que vaia a máis velocidade da permitida provoque un sinistro.
Do 1 de xaneiro ao 12 de novembro de 2026, 852 persoas morreron nas estradas españolas. Nas vías galegas faleceron 76 persoas.