Desarticulan unha banda que enganou un narco de Narón vendéndolle cemento en vez de cocaína
Pagou 255.000 euros por 30 quilos de cocaína, dos cales 29 resultaron ser cemento en po
A Garda Civil detivo 12 persoas, investiga outras dúas e incautouse de droga, armas de fogo e 138.000 euros en efectivo
Cinco dos arrestados ingresaron en prisión
Foto: Garda Civil
A Garda Civil da Coruña desarticulou unha rede dedicada á distribución e vuelcos de droga en Galicia. Hai doce persoas detidas e outras dúas están sendo investigadas por tráfico de drogas, pertenza a organización criminal, branqueo de capitais e tenza ilícita de armas.
A banda enganou un veciño de Narón, que pagou 255.000 euros por 30 quilos de cocaína, dos cales 29 resultaron ser cemento en po. Así mesmo, o grupo intentou realizar vuelcos violentos con armas de fogo contra outros clans para roubarlles mercadoría ou diñeiro.
A investigación iniciouse tras descubrir un mozo de Vilagarcía de Arousa que utilizaba terceiras persoas para o transporte de cocaína e a xestión de plantacións de marihuana. Posteriormente, os axentes comprobaron que estaba conectado con varios veciños de Ferrol e Narón vinculados ao crime organizado.
Durante os nove meses que durou o caso, os investigadores acreditaron que a organización realizaba entregas de droga en varias localidades galegas, principalmente na comarca do Salnés, Ferrol, Narón, A Coruña e Betanzos, ademais de realizar transportes puntuais a Zamora.
Os investigadores interceptaron a finais de outubro un vehículo na comarca do Salnés con cocaína oculta, o que supuxo a detención de tres integrantes para os que o xulgado decretou ingreso en prisión provisional sen fianza.
A operación saldouse cun balance total de 14 persoas implicadas, das cales 12 foron detidas e dúas resultaron investigadas. Nos rexistros incautáronse de diversas substancias como cocaína, haxix, MDMA e heroína, ademais de seis armas de fogo, abundante munición, doce vehículos -dous deles de alta gama- e arredor de 138.000 euros en efectivo.
Cinco dos doce detidos ingresaron en prisión provisional tras pasar a disposición xudicial en Betanzos.