Os avisos por chuvia e vento sucederanse ata o mércores
Un centro de baixas presións ao sur de Irlanda enviará frontes sucesivas a Galicia ata metade da semana
A borrasca ao sur de Irlanda vainos enviando frontes: a do domingo varreu Galicia de norte a sur. Foi deixando moita auga na franxa oeste, máis de 40 litros por metro cadrado, pero logo estancouse, e foi peor: "Foi baixando dende o norte e, á altura do alto do Rodicio ou Valdeorras, freouse", explica Ana Lage, de Meteogalicia. "Neses puntos deixou chuvias persistentes, con cantidades de máis de 60 litros por metro cadrado en 12 horas"-
A situación vai ser similar nestes próximos días, e o peror chegará polas noites. As frontes sucederanse polo menos ata o mércores: hai aviso amarelo activo por chuvia no sur de Ourense e de Pontevedra, Barbanza e Costa da Morte. E toda Galicia está en aviso amarelo por vento: superaranse os 70 ou 80 quilómetros por hora en xeral e, en concreto na Mariña, haberá refachos que superen amplamente os cen. A situación complícase no mar.
"Teremos aviso laranxa no litoral coruñés por vento suroeste con forza 8, así que moita precaución", di Lage. "Na xornada do mércores empezará a cobrar importancia o mar de fondo, e iso levará a unha mar combinada que terá aviso laranxa porque as ondas superarán os cinco metros de altura"-
A previsión é que a borrasca se debilite a partir do xoves. Para a segunda metade da semana quedarán as nubes, algún chuvasco e unha baixada de temperaturas: nas zonas máis altas incluso poderiamos ver nevar. A cota de neve situarase nos 1.400 metros de altitude.