O temporal de chuvia e vento deixa máis de 130 incidencias en Galicia
En Redondela acumuláronse 67 litros por metro cadrado, e en Cedeira rexistráronse refachos de 124 km/h
A auga caída en Vilamartín de Valdeorras encheu o río Caborco de Ventín, que derrubou a ponte de Baxeles
En Quiroga, no lugar do Freixeiro, un desprendemento de terra obrigou a interromper a circulación ferroviaria
A ponte de Baxeles derruída en Vilamartín de Valdeorras. EFE/Sxenick
O paso dunha fronte atlántica polo suroeste de Galicia deixou este domingo precipitacións intensas, sobre todo na provincia de Pontevedra, e ventos fortes en todo o litoral.
En Redondela acumuláronse 67 litros por metro cadrado, algo máis ca en Fornelos de Montes (64,2 l/m2). Tamén choveu arreo en Cerdedo-Cotobade (57,4), Vilanova de Arousa (56,7) e Lousame (54,2).
Os refachos máis intensos rexistráronse en Cedeira, por riba dos 124 quilómetros á hora, en Viveiro (106,3) e Vimianzo (100). Do mesmo xeito, soprou con forza en Cuntis e Malpica de Bergantiños.
Meteogalicia mantivo o aviso amarelo en varios puntos ata as 18:00 horas, momento no que a borrasca comezou a afrouxar. Ata entón, rexistráronse un total de 133 incidencias na comunidade, segundo datos da Axencia Galega de Emerxencias.
O desprendemento de terras en Freixeiro (Quiroga)
Ourense e Lugo
A auga caída en Vilamartín de Valdeorras (51 l/m2) encheu o río Caborco de Ventín que derrubou a ponte de Baxeles. A estrada está cortada entre o núcleo do Mazo e San Vicente de Leira, parroquia que polo momento permanece incomunicada.
En Quiroga, no lugar do Freixeiro, produciuse un desprendemento de terra e pedras nun terraplén da vía do tren cara á estrada local. Ademais, afectou o aparcamento da estación.
Por precaución, interrompeuse a circulación ferroviaria durante unhas horas neste punto e a pasaxe de dous convois de media distancia, da liña Guillarei-Ponferrada, tivo que rematar a viaxe en autobús.
Pontevedra, a provincia máis afectada
As choivas tamén provocaron un derrubamento de terra no quilómetro 6 da estrada que une Bora e O Pino, no concello de Pontevedra. A PO-542 quedou cortada neste punto durante unhas horas.
Tamén na cidade do Lérez, inundouse o centro deportivo da praza da Constitución e, no Porriño, o vento desprendeu unha chapa que golpeou un vehículo.
Pontevedra foi a provincia máis afectada, con 69 intervencións, seguida da Coruña (34), Ourense (20) e Lugo (10). Os principais problemas foron a acumulación de auga nas estradas, a caída de árbores e os desprendementos de terra.
Ante o risco de desbordamentos, a Xunta activou o Plan Inungal para o control e seguimento do caudal dos ríos. Este domingo, observouse un comportamento á alza nos leitos do Baltar (Sanxenxo), o Mougás (Oia), e o Caldo (Lobios).