A febre polo GTA contaxia o mundo: "Vouno completar dun tirón"
Xogadores de todo o planeta pasaron a noite estreando a nova entrega da serie
As primeiras críticas son moi boas, e a empresa podería recuperar axiña o investimento
Mando a mando, o Grand Theft Auto xa manda no mundo. A activación, na noite do 18 ao 19 de novembro, do videoxogo máis esperado do século viviuse como un acontecemento planetario. Grupos de xogadores reuníronse en lugares como O Xapón para ser os primeiros en probar a sexta entrega da saga. Levaban trece anos agardando por esta nova versión, que xerou unha expectación inédita por un produto de entretemento,
"Todo o mundo está falando del... Os amigos, no traballo, en Internet...", asegura un mozo nos Estados Unidos. "Imos xuntarnos todos", engade outro. "Vouno completar dun tirón", promete outro fanático.
E hai quen, verdadeiramente, se propuxo intentalo. Na primeira xornada tralo lanzamento do GTA VI varios xogadores pasaron horas e horas retransmitindo en directo a súa estrea co xogo. De noite e de día, en sesións maratonianas.
"Alguén pode dicirme cantas horas durmín?", pregúntalle aos seus seguidores, despois de facer unha pausa durante a madrugada, un coñecido creador de contido alcumado Creative.
Porque no GTA todo é grande si. A empresa que desenvolve o xogo, Rockstar Games, pagou unha campaña de promoción internacional poucas veces vista. E agora espera recuperar en pouco tempo o investimento, que os especialistas calculan en máis de 1.500 millóns de euros. Sería o maior presuposto da historia para un produto de entretemento. As primeiras críticas son moi boas.
"Ten cousas que non se poden ver noutro sitio", sentenza Iván Ferreira, encargado dunha tenda de Todoconsolas en Vigo.
"O único que tiñamos eran ganas de que saíse outro novo para poder xogar", completa Ángel Barros, de Replay Games.
E, si, efectivamente, houbo xente que pediu o día libre ou que mesmo colleu vacacións para poder xogar na estrea do videoxogo pero o mundo segue xirando, tamén o mundo dos mandos do GTA.