Silleda apreixa o futuro cun novo encontro de seareiros das tecnoloxías dixitais e informáticas
Máis de novecentos mozos participan na Xuventude Galicia Net que acada a súa 26 edición
Drons, realidade virtual, competicións de videoxogos e intelixencia artificial protagonizan o evento
Os obradoiros achegan o mundo dixital tanto aos afeccionados acérrimos coma os curiosos das novas tecnoloxías
Son xa 26 anos dende o primeiro encontro de afeccionados dos ordenadores que se deron cita no recinto da Feira Internacional de Galicia. Dende entón, o evento non parou de medrar e esta fin de semana máis de novecentos seareiros achégabanse a Silleda para aprender, xogar e sorprender nesta nova edición da Xuventude Galicia Net.
"Aprendes técnicas novas, ferramentas novas pero sobre todo fas moita amizade", comenta un dos participantes.
O campus dixital fervía especialmente na zona dedicada ás competicións de videoxogos, tanto pola habilidade dos xogadores como pola audacia dalgunha instalación.
"Este ano pensei en traer un amplificador de guitarra mesturado cun ordenador de sobremesa. Funcionan tanto o amplificador como o ordenador funcionan de xeito independente, pero o ordenador tamén é un estudo de gravación para o amplificador", conta un dos participantes que presentou un ordenador-amplificador que ademais permite facer karaoke e reproducir vídeos na propia instalación.
Cunhas infraestruturas dixitais que permiten conexións de máxima velocidade entre dispositivos, a cita tecnolóxica chegaba este ano con multiples novidades.
"O que buscaba nestes eventos era a conectividade. Aquí conseguíase unha velocidade moito maior, e compartir ficheiros e información. Agora iso xa o temos nas nosas casas e o que queremos é compartir a parte social", comenta o director da Fundación Semana Verde de Silleda, Ricardo Durán, que salienta como nos últimos anos o aspecto lúdico e social gañou en importancia con respecto ao puramente tecnolóxico.
Ademais das impresoras tres G e a realidade virtual, a grande protagonista é a intelixencia artificial, con obradoiros dedicados.
"Esta área está aberta a todo o mundo. Pode achegarse pais con fillos, xente que está interesada soamente en ver, e probar un pouco: ¿qué se pode facer con tecnoloxías tan disruptivas como a intelixencia artificial?", reta Xavier Iglesias, encargado dos obradoiros sobre IA.
O mundo dos drons tamén chamou moito a atención. "A pregunta clave é sempre como comezar, xa que todo o mundo quere probar un dron e por iso temos varias actividades", relata Álex García, organizador da "Galicia Whoop League" de drons FPV (de vista en primeira persoa).
A festa prolongarase ata o domingo cando se entreguen os premios das competicións, pero coa vista posta xa no vindeiro ano porque o futuro non se detén.