As pemes automatizadas e coa operativa en remoto están máis expostas aos ciberataques
Piratas informáticos acceden a distancia ao software de empresas e institucións e descontrolan os sistemas
Novembro de 2026 comezaba con ciberataques ás neveiras de centos de supermercados en sete países de Europa. Houbo perdas millonarias. Son noticias que amosan, cada vez con maior frecuencia, as vulnerabilidades de estar hiperconectados. Piratas informáticos logran acceder a distancia ao software de empresas ou institucións e descontrolar os sistemas operativos.
Moitas veces, as que sofren máis ataques son, precisamente, as infraestruturas e empresas máis básicas, as que son cruciais para a estabilidade. Pero tamén en pequenas e medianas empresas, a automatización e remotización dos procesos comporta riscos.
"Este é o cadro onde está o cerebro da fábrica. Entón aquí, como vedes, hai cables de comunicación e se hai un acceso externo non autorizado, poderían provocar unha parada. Un ataque podería ocasionar perdas derivadas de paralizar a produción, pero tamén provocar accidentes ou avarías moi graves", explica Jorge Guinarte, programador de automatización.
Estamos nunha empresa mediana, en Caldas, con 200 empregados. Está completamente sensorizada e cun ordenador industrial que controla a planta.
Calquera empresa remotizada pode recibir ciberataques e debe prepararse
"Nós tentamos automatizar o máximo posible por temas de aforro enerxético e custos. Temos delegacións en Portugal, Granada, Cataluña, Madrid. E sempre tes, entón, ese punto de entrada para ter ataques", explica Alejandro Vales, responsable de mantemento, que fala tamén a importancia de estar á ultima e ben asesorados.
"Se existe un acceso remoto, o propio persoal da planta se hai unha incidencia pódese conectar se está de garda e ver cal é o problema sen ter que desprazarse. E así diminúe o tempo e o custo da parada", subliña Jorge Guinarte, programador de automatización.
Pero tamén os pequenos, se están nun sector competitivo, están expostos á espionaxe. Outras empresas, relacionadas co servizos públicos, deben redobrar a blindaxe ante ataques externos.
"Pois dalgunha potencia estranxeira, por exemplo -agora que se fala moito da guerra híbrida- que poida ter intención de causar un dano ou cortar un servizo público esencial ", din.
A recomendación é estar ao día e ben asesorados por expertos e optar sempre pola formación continua do cadro de persoal.