Publicador de contidos

Publicador de contidos

A festa non se negocia, por María Bastida

OPINIÓN

A festa non se negocia, por María Bastida

María Bastida 26/11/2026 08:09

Canto pagariamos por un billete de Madrid a Santiago? Depende, verdade? Pensemos, por exemplo, que é 24 de decembro, son as cinco da tarde e queremos chegar a ocupar ese sitio na mesa que nos teñen reservado na casa. A que agora cambia a cifra?

Pois algo parecido lles pasa esta noite a millóns de estadounidenses, que celebran o Día de Acción de Grazas. A AAA, a asociación automobilística do país, calcula que entre o martes e o luns oitenta e un millóns e medio de persoas percorrerán polo menos oitenta quilómetros para sentar á mesa. Son practicamente as mesmas que o ano pasado, e iso coa gasolina máis cara ca hai un ano e os billetes de avión escalados un 17%. Malia esas subas, a xente viaxa case igual. É a elasticidade da demanda en todo o seu esplendor: canto reaccionamos cando cambia un prezo. Se algo sobe un pouco e deixamos de compralo en masa, a demanda é elástica. Se sobe moito e seguimos comprando case o mesmo, é inelástica, ou ríxida.

E de que depende? Sobre todo, de se temos un plan B. Para a cea de Acción de Grazas non o hai, porque a data é a que é. Pero para decidir como chegar, si. As contas de sempre explícano: seis horas de coche fanse eternas, pero cando hai que multiplicar por catro o prezo do billete de avión, repensámolo. E algo diso vese nos datos de hoxe. O avión apenas perde pasaxeiros, pero os autobuses, os trens e os cruceiros gañan un 4 %. A mesma suba de prezos apenas nos fai cambiar de opinión á hora de decidir se imos, pero fainos sacar a calculadora para decidir como.

En España xa lle estamos dando voltas a decisións parecidas. Os cálculos apuntan a que cear no Nadal nun restaurante custará este ano entre dúas e tres veces máis por persoa que preparar o mesmo menú na casa: entre corenta e cinco e oitenta euros máis por cabeza. Imos deixar de celebrar a Noiteboa por iso? Claro que non. Pero ao mellor si que pensamos un pouco máis onde celebrala.

Así que volvamos a ese billete a Santiago do día 24 ás cinco da tarde. Canto pagariamos? Probablemente máis do que nos gustaría admitir. Iso si, antes teriamos mirado se queda algún asento no último tren ou se a algún curmán lle sobra unha praza no coche. Porque a cea non se negocia. O camiño, si.

E mañá, Black Friday, toca xusto o contrario: o día en que baixan os prezos e descubrimos que levabamos meses precisando unha frixideira de aire. Pero iso xa é outra historia. E outra elasticidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade