OPINIÓN
Nvidia: unha telenovela dun billón de dólares, por María Bastida
Vaia historia, a de Nvidia. Temos un empresario de éxito, aventuras extramatrimoniais, sospeitas de espionaxe chinesa, unha dimisión, un consello de administración que asegura que non hai marcha atrás, Elon Musk animando dende a grada, un presidente dos Estados Unidos que colle o teléfono para arranxalo e o mesmo consello de administración dando a marcha atrás que non ía dar. Todo en menos de dúas semanas. Nin os guionistas de Netflix se terían atrevido a tanto.
O luns, co regreso de Jensen Huang, as accións subiron un 31,5% e Nvidia recuperou 952.000 millóns de dólares de valor en Bolsa. Unha barbaridade. E o curioso é que Nvidia non inventou ningún chip novo nin descubriu ningunha tecnoloxía revolucionaria. Simplemente volveu o xefe. O xefe e unha especie de certificado de boa conduta expedido pola Casa Branca. Parte do que celebrou a Bolsa foi que desaparecía un risco político.
Os analistas chaman a isto risco de persoa clave. É doado entendelo nunha empresa de cinco empregados onde todo depende do fundador. Pero que ocorra a esta escala nunha das maiores empresas do mundo dá que pensar. Canto dese valor responde ás capacidades da empresa e canto á confianza no seu conselleiro delegado? Huang fundou Nvidia en 1993. Despois de máis de trinta anos, bastaron once días para descubrir que non había un plan B que convencese o mercado.
O consello, pola súa banda, pasou en seis días de "non imos restituílo" a "é a persoa idónea para dirixir a compañía". En teoría, existe para vixiar o directivo en nome dos accionistas. Aquí acabou presionado á vez polos accionistas, polo directivo, polo Goberno e por media Silicon Valley. Cando a cotización e a Casa Branca empuxan na mesma dirección, a independencia do consello queda no papel. E, por certo, teño curiosidade por saber que pon agora no código de conduta de Nvidia, o mesmo que citaron para explicar a súa dimisión. Supoño que, ao final de cada artigo, haberá que engadir un pequeno asterisco: «Agás que a Bolsa, ou a Casa Branca, digan o contrario».
En fin, Nvidia merece unha clase. Ou varias. As necesarias para explicar como se pasa de ter un directivo extraordinariamente bo a que a Bolsa o crea imprescindible para soster as expectativas de media economía mundial. E, o máis inquietante, que quizais teña razón.