A IA dispara as estafas polo Venres Negro con ofertas irresistibles que levan a webs falsas
A intelixencia artificial aproveita a présa e ansiedade por facer compras para manipular as nosas decisións
O Venres Negro eclipsa a prudencia. Os intentos de estafa estanse a disparar segundo se achega un dos momentos con máis compras do ano. Hai tempo que se detectan páxinas web falsas pero agora a intelixencia artificial multiplica as ameazas.
Hoxe, con IA, alguén pode imitar a páxina dunha tenda case sen diferenzas. E en moi pouco tempo. Iso permite que se lancen máis ataques e que cheguen a máis xente. Hai ferramentas, incluso, que permiten enganar outras intelixencias artificiais para que recomenden a páxina falsa como unha opción verdadeira. Non é ciencia-ficción, xa sucede. Unha IA enganado outra IA.
"Esta é a páxina que recomendou unha IA. É tal cal a que tiña a marca de moda", explica Santiago de Vicente Poutás, o responsable técnico de Hardware Criptográfico e Computación Confidencial de Gradiant, mentres amosa no seu ordenador a versión falsa da web dunha coñecida cadea.
Porque a IA, ademais, permite crear estafas personalizadas. O sistema detecta que produtos nos interesan máis ou en que tendas adoitamos mercar con frecuencia e lánzanos ofertas irresistibles. Poden ser correos electrónicos ou avisos en redes sociais que nos redirixen a páxinas falsas. O punto débil está na velocidade. Ou, máis ben, na ansiedade. Os estafadores, e tamén a intelixencia artificial, saben que o Venres Negro propicia as compras compulsivas. Queremos mercar bo, bonito e barato e facelo rápido, para que non se nos escapen as gangas.
"É importante que sexamos conscientes de que, ao facer clic nun enlace deses, estamos perdendo o control, estamos perdendo a confianza", advirte Ángel Fernández Gándara, enxeñeiro informático e membro do Colexio de Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.
Así que o principal consello é darse un tempo. Poder verificar que a oferta, o produto e o vendedor sexan realmente de confianza.