A Xunta triplica as axudas por danos do xabaril no campo ata os 4,88 millóns de euros
Este diñeiro destinarase a cubrir as axudas das solicitudes xa rexistradas, sen que iso supoña abrir un novo prazo de petición
Arquivo. Carlos Castro-Europa Press
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático triplicou a cantidade prevista de axudas para paliar os danos ocasionados polos xabarís nos cultivos agrícolas en 2026, que deste xeito alcanzarán os 4,88 millóns de euros, segundo publicou oficialmente este mércores a Xunta.
O anuncio establece unha ampliación de crédito de 3.482.850 euros para ese tipo de axudas, un incremento financiado a través dunha transferencia de crédito.
A dotación global da convocatoria pasa dos 1.405.832 euros previstos nun principio a un total de 4.888.682 euros, máis do triplo do orzamento inicial.
O obxectivo das axudas é responder a un aumento dos danos rexistrados polos xabarís, atender o maior número posible de explotacións agrarias galegas que quedaron fóra do reparto inicial por insuficiencia orzamentaria e garantir a viabilidade dos cultivos.
A decisión, asinada polo conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, precisa que esta inxección económica en réxime de concorrencia non competitiva se destinará a cubrir as axudas, por orde de presentación das solicitudes xa rexistradas, sen que iso supoña abrir un novo prazo de petición nin reiniciar o cómputo para resolver os expedientes.
As solicitudes ou recursos estimados de exercicios anteriores que aínda non poidan ser aboandos por falta de orzamento ou atrasos administrativos serán atendidos con cargo á convocatoria do próximo ano.
Lobos, xabarís e osos
Precisamente este mércores, o conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático analizou co secretario xeral do sindicato UUAA (Unións Agrarias), Roberto García, posibles vías de colaboración para garantir o equilibrio e a convivencia entre a fauna silvestre e a actividade do sector primario galego.
Ademais de abordar medidas preventivas para o sector agropecuario ante os danos ocasionados pola fauna, o conselleiro destacou esta reunión como unha primeira toma de contacto con esta organización profesional e subliñou o seu compromiso coa xestión do lobo e o coidado do patrimonio natural.
A Xunta convoca anualmente axudas para protexer explotacións e cultivos fronte aos ataques de lobos, xabarís e osos, explicou o conselleiro, para intentar favorecer a convivencia no territorio galego da biodiversidade natural coa actividade económica agropecuaria.