Estragos dos xabarís en parques e xardíns de Lugo
Na avenida de Magoi quéixanse de que os porcos bravos deixan todo fozado, tanto en zonas verdes públicas como privadas
A dos xabarís a estragaren os xardíns privados da avenida de Magoi converteuse nunha estampa cotiá nas noites de Lugo. E outro tanto ocorre cos parques públicos, incluídos os infantís, e con todas as zonas axardinadas que atopan ao seu paso os cochos bravos.
Os xabarís acoden aos parques e xardíns na procura de alimento, como raíces, fungos ou vermes de todo tipo, co gasto que implica tanto para as comunidades de veciños como para o Concello. Tratouse de minimizar os seus efectos con gaiolas e coa caza con arco, pero as medidas tomadas resultaron infrutuosas.
Convivir en certa medida coa fauna salvaxe, cos conseguintes problemas nas zonas verdes, é o prezo a pagar polo privilexio de residir na única capital integrada nunha reserva da biosfera da UNESCO.