O presidente do club de fútbol Beiramar denunciou ser vítima dunha brutal agresión
Os feitos sucederon nos últimos minutos dun partido que disputaban contra o Xuventude de Sisán, en Ribadumia
Óscar Portela remataba este domingo no servizo de urxencias do hospital do Salnés, onde pasou a noite
Nos case nove anos que leva á fronte do club, o presidente do Beiramar de Cambados non se vira nunha situación semellante. Este domingo Óscar Portela acababa no servizo de urxencias do Hospital do Salnés onde pasou a noite en observación. Pouco despois, denunciaba ante a Garda Civil que recibira un golpe na cabeza contra as barras metálicas do valo do campo da Senra, en Ribadumia, durante os últimos minutos do partido que disputaban co Xuventude de Sisán. Un xogador, testemuña directa dos feitos, conta que a pelexa comezou con insultos ao porteiro .
A directiva do club Sisán mostrou o seu apoio a Óscar mediante un comunicado nas súas redes sociais. Din que consideran fundamental deixar que a investigación siga o seu curso, e que unha vez que se esclarezan os feitos valorarán as medidas oportunas.
As afeccións dos dous clubs lamentaban que nesta xornada da liga terceira Futgal, a noticia sexa a violencia.
A acta arbitral recolle unha pelexa entre uns 15 afeccionados que non identifica, polo que a Federación Galega de Fútbol valora sancións económicas aos dous clubs.