Os detectives da auga: os concellos buscan fugas para limitar as perdas ao 20 %
A lei obriga a que as redes de abastecemento reduzan os escapes na subministración
O investimento en tecnoloxía permite detectar e reparar avarías en cuestión de horas
Os detectives da auga non poden descansar. A lei obriga a que as entidades que xestionan a subministración de auga limiten as perdas na rede, como moito, ao vinte por cento do caudal. Para iso, as administracións están obrigadas a controlar e revisar centos de quilómetros de tubaxes.
É o que fan a diario organismos como o Consorcio Augas do Louro, que regula o abastecemento de catro municipios do sur de Pontevedra: Mos, Salceda de Caselas, Tui e O Porriño, o concello que arestora ten a presidencia da institución.
O Consorcio recibiu máis de cinco millóns de euros dun perte de fondos europeos que agora está investindo para modernizar a xestión da auga para máis de 62.000 habitantes, tanto para abastecemento como para saneamento. A rede conta con máis de catrocentos quilómetros nos que se están instalando detectores que avisan se hai, por exemplo, un cambio de presión fóra do normal.
"Hai fugas cada día, nós reparamos dúas ou tres fugas cada día", conta Manuel Viñas, o delegado de Aqualia no Consorcio Aguas Louro.
O sistema tamén avisa cando se detecta un valor extraordinario. Envía unha alerta por correo electrónico, mensaxe ou, incluso, cunha chamada automática.
"Si, porque ti ás dúas ou tres da mañá pode que esteas durmido e non espertarías cunha mensaxe así que podes facer que te chame por teléfono", explica Alberto Fernández, técnico de abastecemento do Consorcio mentres amosa no seu móbil o aviso dunha avaría que recibiu hoxe antes das oito da mañá.
Logo, dar co punto exacto da fuga require precisión. Unha vez localizado, grazas aos avisos, o tramo no que pode haber un escape, os técnicos usan un aparello chamado xeófono, co que van escoitando o que acontece baixo terra. Axuda ter silencio así que con frecuencia ese traballo debe facerse polas noites.
A lei obriga a que as redes de auga reduzan as perdas, como moito, ao vinte por cento. Pode parecer moito pero hai que ter en conta que avarías sempre vai haber. No Consorcio do Louro cren que van polo bo camiño.
"Podemos estar falando de que no 2014 se podían perder practicamente tres millóns de metros cúbicos e conseguimos reducir esa perda á metade", asegura o xerente do consorcio, Rufino Rodríguez.
Tamén os particulares poden dar avisos, por suposto. Sucede habitualmente cando perciben unha caída na presión nas billas. No caso do Consorcio do Louro, os técnicos manteñen que a maioría das avarías se reparan en menos de dúas horas.