Piden 18 e 15 anos de cárcere para as mulleres que quixeron matar un empresario de Boiro
Viñeron das Canarias con guantes de látex, bridas e coitelos para sacarlle os cartos, segundo a Fiscalía
As dúas mulleres, acompañados do fillo de catorce anos dunha delas, acurralaron a vítima con cadanseu coitelo
Chegaron a Galicia, a Boiro, supostamente de vacacións, pero a xulgar pola equipaxe, a razón era outra. Guantes de látex, bridas, cinta de embalaxe e tres coitelos.
A vítima empezara unha relación cunha das mulleres. El dende Mosquete e ela dende Fuerteventura, onde o home ten un negocio de apartamentos de alugueiro. Veu co fillo de catorce anos e cunha amiga.
Cearon na casa do empresario e na sobremesa pedíronlle que lles ensinara os xabarís que tiña nesta nave, a só uns minutos do chalé. Segundo relata a Fiscalía, o home non estaba polo labor, pero elas insistiron e compraceunos.
Alí dentro acurralárono. Os tres, coitelo en man. O menor foi o primeiro en atacar. Foi dereito, ao estómago, cun corte grave co que puido perder a vida. Xa no usaron nin os guantes nin as bridas. Pero si levaron cartos, tanto da nave como da casa. Calculan que uns 7.000 euros.
Fuxiron cara ao o piso que alugaran no centro de Boiro, pero alí había unha muller, unha testemuña, á que lle contaron que as perseguiran, que as secuestraran e que violaran unha delas. Demasiada película para ser crible. Esa muller avisou a Garda Civil.
Cando chegaron, aínda tiñan os coitelos, os cartos e demais equipaxe. O adolescente xa foi condenado. Elas, as dúas canarias duns 30 anos, enfróntanse a 18 e quince anos de prisión por intento de homicidio, con agravante, e polo roubo dos cartos con violencia e coitelo en man.
O empresario recuperouse das feridas despois de 50 días pero o que viviu aquel día lévao no corpo.