Unha sendeirista de 55 anos resulta ferida tras esvarar na beira do río Umia
A muller caera nunha zona de pedras de difícil acceso cando camiñaba polo beira do río
Debido á caída, a turista andaluza fracturou un nocello e a cadeira
Imaxe de arquivo.
Unha sendeirista de 55 anos resultou ferida tras esvarar na beira do río Umia, en Caldas de Reis.
Os servizos de emerxencias desprazados ao punto rescataron a muller que caera nunha zona de pedras cando camiñaba polo beira do río.
Un particular contactaba co 112 Galicia pasados uns minutos das 11 desta mañá. Indicaba que unha muller caera no río e que non podía saír. Engadía, ademais, que ao ser un camiño moi estreito e de pedras, o vehículo sanitario posiblemente tería dificultades para chegar ata a ferida.
Púxose en marcha un operativo de intervención no que interviñeron ademais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, os Bombeiros do Salnés, a Policía Local e os efectivos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Caldas e de Cuntis.
Os efectivos de Protección Civil de Cuntis confirmaron que a muller xa fora rescatada por todos os profesionais que se atopaban no lugar.
Segundo indicaron, a muller, unha turista andaluza, facía o sendeiro da fervenza de Segade xunto cun grupo de amigos, pola beira do río, esvarou e quedou entre as pedras, nun lugar difícil de acceder para chegar a ela.
Unha vez rescatada, levárona ata onde a agardaba unha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que a derivou ata o hospital de Montecelo.