O Deportivo Español Helvético, un equipo de emigrantes na Suíza dos anos 80
Antigos xogadores deste equipo de Berna, que chegou a xogar na terceira división, vólvense xuntar en Galicia tras máis de 40 anos
O Deportivo Español Helvético uniunos en Suíza entre finais dos anos 70 e os 80. Os xogadores deste equipo de traballadores emigrantes, a maioría galegos, volvéronse xuntar en Galicia máis de 40 anos despois.
"Era como unha familia, como todos os emigrantes", era unha marabilla, era a nosa diversión", asegura Manuel Pazos, Ex-xogador do Deportivo Español Helvético
José Duarte, de Santa Comba, emigrou no 78. Traballou como albanel e botou dez temporadas neste equipo, que chegou a ascender á terceira división suíza.
"É a historia dun equipo de emigrantes que nos xuntamos por mediación do club e empezamos a xogar nunha quinta liga, subimos de quinta a cuarta e de cuarta a terceira", explica José Duarte.
Ramón Rodríguez, de Baio, emigrou en 1970. Comezou traballando nun restaurante en Berna. Di que os comezos foron moi duros e que o fútbol foi para el unha liberación.
"Tiña dezasete anos. Foi unha liberación. Tiña os días libres para xuntarme con eles, para falar outra vez galego e para encontrarnos, porque no restaurante era todo alemán, estaba no cantón alemán de Berna, e non entendía unha palabra", di Ramón Rodríguez
O Deportivo Español Helvético fundouno en 1961 un fresador galego de apelido Ponte. O equipo xa despareceu, pero as vivencias da emigración e a amizade que teceu o fútbol seguen presentes.