O Xacobeo 2027, protagonista do desfile da Hispanidade en Nova York
A Casa Galicia tamén participou no percorrido de dous quilómetros pola Quinta Avenida
Unhas 10.000 persoas foron convocadas para a marcha, representando 21 países de fala hispana
Participaron centos de galegos e galegas e descendentes de galegos
Galicia peregrina ata a Quinta Avenida de Nova York. Leva a súa cultura a Manhatan. O Desfile da Hispanidade percorreu a Quinta Avenida cunha homenaxe ao Xacobeo 2027 e coa participación da Casa de Galicia de Nova York, en colaboración coa Xunta. Unha cita que une tradición, emigración e promoción internacional do Camiño de Santiago.
"É especial, a nosa carroza vai decorada en honor ao Xacobeo, para nós é especial poder promocionar o Xacobeo en Nova York", di Manuel Mayo, vicepresidente da Casa de Galicia.
Nova York converteuse nun escaparate da diversidade cultural do mundo hispano. O percorrido previsto estendeuse entre as rúas 44 e 69 de Manhattan, coa participación anunciada de delegacións de 21 países de fala hispana.
"É un punto de encontro de todas as nacionalidades, de todas as culturas que poden estar en común, e participar, sumar e facer un intercambio, que desde sempre foi o camiño e segue sendo", destaca Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027.
Entre os participantes: a representación galega, que mira xa cara ao 2027, ano do próximo Xacobeo. A iniciativa busca dar visibilidade á tradición xacobea máis alá das fronteiras galegas e manter vivo o vínculo entre Galicia e as comunidades da emigración.
"Temos pancartas que representan o ano ano e imos tratar de representar o mellor que poidamos a Galicia", asevera Maria Tajes, vicepresidenta do Círculo Español.
Un dos nomes propios da representación galega é a Agrupación Folclórica Celme, de Pontevedra. Corenta integrantes da formación viaxaron a Nova York para participar no desfile e ofrecer unha actuación posterior na Casa de Galicia.
O seu repertorio inclúe pezas musicais e bailes vinculados ás tradicións recollidas ao longo do Camiño de Santiago, nunha proposta cultural dedicada tamén ao Xacobeo 2027.
"Polos últimos máis de quince anos que estamos traaaendo bandas de Galica e Asturias ao desfile", di Bernardo Riveiro, presidente do Círculo Español.
Esta é unha celebración que pon en primeiro plano o labor das comunidades galegas no exterior como embaixadoras da cultura, da música e das tradicións de Galicia.
Desde Manhattan, Galicia comeza a proxectar o espírito do Xacobeo 2027 ao mundo, coa forza da súa cultura e da súa diáspora.