Habilidades caninas no Salón de Animais de Compañía de Pontevedra
O recinto feiral de Pontevedra acolle a cuarta edición do Salón de Animais de Compañía
As competicións que miden as habilidades do can e do adestrador son puntuables para o campionato nacional
O evento acolleu tres mil visitantes, segundo a organización, que coñeceron os produtos máis novidosos para as mascotas
É xa o terceiro día do Salón de Animais de Compañía de Galicia e nesta xornada final os amantes das mascotas tiñan como prato forte as finais da competición de agility, na que cans e adestradores amosan unha sincronización abraiante.
"O vínculo (co can) é espectacular. De feito, hai veces que na rúa só con chiscarlle un ollo xa sabe o que ten que facer", comenta Paula Vázquez, unhas das participantes na competición do equipo Canedupo de Ponteareas.
"As zonas de contacto nesta modalidade que é 'Agility', os cans teñen que pisar abaixo, se non penalízante e o tempo é moi importante. Tes que ter unha coordinación entre facelo ben e facelo moi rápido", indica Julio Freire, da organización da proba de 'Agility'.
As probas oficiais son puntuables para o campionato de España e entre os participantes figuraba un coruñés campión do mundo por equipos este ano.
"Dende fóra todo o mundo di: «que bonito, eu tamén quero» pero unha vez que se poñen na pista co seu can tes que ter un gran vínculo con el. O can ten que ter unhas bases e a parte isto é un deporte, e tes que ter un físico para poder chegar porque nunca vas correr máis ca un can", apunta Jacobo Martí, presidente do club Agility Cococan en Oleiros.
Cuns tres mil visitantes, segundo a organización, o salón tamén tiña tempo para as novidades arredor do mundo das mascotas. Por unha banda, a oferta de colgantes e figuras de resina a partir das pegadas dos animais que conteñen as cinzas das mascotas ou detalles personalizados; por outra, os postos que ofrecían tratamentos especializados para a pel de cans e gatos, a partir de aceites ozonizados.
E tampouco faltou espazo para a solidariedade, con postos que recadaban fondos para tratamentos terapéuticos con cans ou a presenza das protectoras.
"Temos cans que levan anos esperando unha familia, gatos que están en casas de acollida e queremos que saian adiante e que atopen o seu fogar definitivo", confesa Lucía Román, da canceira de Poio.
O salón continúa aberto toda a xornada deixando as mascotas reinar por un día.