Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fiscalía solicita doce anos de prisión para o médico de cabeceira de Maradona

A Fiscalía solicita doce anos de prisión para o médico de cabeceira de Maradona

Tamén lle pide dez de inhabilitación profesional por un delito de homicidio

Para os outros cnco imputados solicitou penas de catro a dez anos 

O fiscal Patricio Ferrari . Agustin Marcarian/Reuters O fiscal Patricio Ferrari . Agustin Marcarian/Reuters
G24.gal 08/10/2026 22:42

A Fiscalía solicitou este xoves unha pena de doce anos de prisión e dez de inhabilitación profesional para o médico de cabeceira de Diego Armando Maradona, o neurocirurxián Leopoldo Luque, acusado do delito de homicidio simple con dolo eventual, ao tempo que solicitou penas de catro a dez anos para outros cinco imputados e a absolución do sétimo.

Tamén polo delito de homicidio con dolo eventual, os fiscais solicitaron unha pena de dez anos de prisión e outros dez de inhabilitación profesional para a coordinadora de coidados domiciliarios da empresa de medicina privada Swiss Medical Nancy Forlini, e oito anos de prisión con dez de inhabilitación para a psiquiatra Agustina Cosachov.

Para o psicólogo Carlos Díaz, a petición foi de cinco anos de prisión e dez de inhabilitación, mentres que para o xefe de enfermeiros Mariano Perroni e para o enfermeiro Ricardo Almirón pediu catro anos de prisión e oito anos de inhabilitación, os tres acusados do delito de homicidio imprudente.

A diferenza do homicidio imprudente, o homicidio con dolo eventual contempla que a persoa era consciente de que os seus actos podían conducir á morte e decide asumir o risco.

Os fiscais pediron, á súa vez, a absolución do médico clínico Pedro Di Spagna, quen só visitou a Maradona nunha ocasión e de quen consideraron que "non tivo potestade nin decisión para encamiñar a saúde do paciente".

Maradona morreu o 25 de novembro de 2020 mentres seguía un tratamento domiciliario no que os seis acusados pola Fiscalía este xoves "infrinxiron os deberes ao seu cargo, executaron accións contrarias á arte de curar, omitiron todos os actos que debían executar e colocaron a Maradona nunha situación de desamparo, abandonándoo á súa sorte", segundo considerou o fiscal Patricio Ferrari.

Nas súas alegacións finais, os fiscais describiron o tratamento como "anárquico, con dúas xefaturas e con dúas canles independentes de información e unha mesma característica común, a desorganización absoluta", sinalando así contra Luque, como médico persoal de Maradona, por unha banda, e contra Forlini, en tanto que coordinadora de Swiss Medical, pola outra.

O xuízo comezou o pasado 14 de abril ante o Tribunal Oral no Criminal (TOC) número 7 de San Isidro, nos arredores de Buenos Aires, e contou con 45 audiencias dedicadas á produción de proba, 75 testemuños e a exposición dun centenar de mensaxes extraídas dos teléfonos dos acusados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade