II Encontro dedicado á Muller Rural de Lalín
Mulleres de todas as parroquias de Lalín participaron nun encontro festivo e reivindicativo
A idea é darlle visibilidade ao seu papel como coidadoras e traballadoras nos labores máis variados
Mulleres de diferentes idades e condicións falaron das súas experiencias vitais no segundo encontro dedicado á muller rural en Lalín, organizado pola asociación Colectivo Piares. O único requisito, vivir ou traballar no campo.
"As mulleres do rural temos moita capacidade, o noso valor é fundamental na sociedade, somos os corazóns dos pobos e mantemos vivo o rural. As mulleres ao final somos os piares, de feito, á asociación puxémoslle Piares", conta Eva González, presidenta do colectivo Piares Lalín.
Mulleres das 52 parroquias do concello interviñeron no acto a través dunha montaxe audiovisual. Algunhas estiveron na emigración e volveron aos seus lugares de orixe, outras nunca saíron da terra.
Fan ximnasia, coidan xardíns, hortas e casas. E traballan dentro e fóra da casa en dobre xornada. Hai quen bota de menos como se vivía antes. Outras consideran que a vida no rural ten que mellorar.
"Antigamente estar con vacas era menosprezado, era un traballo pouco valorado a nivel social, a nivel cultural. Hoxe en día é unha empresa que require moito traballo, moito esforzo. ", di Eva González, presidenta do colectivo Piares Lalín.
Outras sete veciñas contaron as súas vivencias como gandeiras, mestras, tendeiras e empresarias. Tamén participaron dúas creadoras de contido vinculadas ao campo.
"Eu son labrega de nacemento, de profesión e de corazón e veño a acompañar este acto tan marabillosos e tan necesario como recoñecemento á muller do rural", declara Nuska Chousa, creadora de contido.
Porque o rural é máis ca unha postal, queren dar a coñecer o traballo que fan as mulleres, tanto para conservar os saberes da terra como para innovar e emprender novos proxectos.