Mulleres rurais de Insua levan 17 anos defendendo a cultura do liño
Son as integrantes dunha asociación de mulleres da parroquia vilalbesa de San Bartolomeu de Insua
Hai xa dezasete anos que as mulleres rurais da parroquia vilalbesa de San Bartolomeu de Insua recrean todo o proceso do liño. Fano do xeito máis real posible, comezando na primavera coa semente do liño e cumprindo todo o proceso de elaboración ata conseguir os nobelos vexetais que tanto traballo custa facer.
O liño foi moi empregado no téxtil ata que a industrialización dos tecidos foi deixando atrás o uso das fibras naturais. Pero para poder utilizar o liño para tecidos hai que tascalo e fialo e lavalo, é un proceso longo. O liño chega á tasca en forma de mollos, despois mázase co mazote e vai quedando a fibra limpa e maleable.
Aquí na parroquia de Insua as fías facíanse en cada casa, pero as tascas eran labores colectivos, moi importantes xa que se ía de casa en casa, axudándose entre as veciñas, e facíase festa comunitaria.