Reaccións á morte dunha nonaxenaria nun paso de peóns en Cangas
O cruzamento na PO 315 á altura de Liméns, en Darbo, é perigoso polo cambio de rasante e porque confluén tres viais
Na tarde do martes era soterrada Beatriz, a muller de 94 anos que faleceu despois de ser atropelada nun paso de peóns da parroquia canguesa de Darbo na PO-315, á altura de Liméns.
O sinistro pon de relevo a perigosidade deste triple cruce con cambio de rasante e que comunica a parte alta de Darbo coa concorrida praia de Liméns.
A pericia dos condutores da zona evita moitos sinistros no cruzamento. Os usuarios falan da falta de visibilidade, da velocidade á que circulan moitos vehículos e de que na zona conflúen os que veñen da parte alta de Darbo, onde están os colexios, cos que soben da zona das praias de Santa Marta e Liméns.
Só un paso de peóns e un stop protexen este cruzamento co cambio de rasante que moitas persoas teñen que empregar a cotío.
A colocación de semáforos ou de bandas que reduzan a velocidade poderían ser unha solución, sobre todo en verán, porque no inverno case todos os que circulan coñecen ben a zona.