Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 60 negocios de Portomarín reclaman unha nova potabilizadora

Máis de 60 negocios de Portomarín reclaman unha nova potabilizadora

A auga da traída sae marrón cada vez que hai tormenta, o que causa danos e perdas nos establecementos que lle dan servizo ao Camiño

Un vaso coa auga da billa aínda turbia días despois da última treboada
Félix Aragunde. Imaxe: David Barreiro. 17/06/2026 14:19

Cada vez que hai tormenta, a auga da traída de Portomarín vólvese da cor da terra. O problema afecta a toda a veciñanza e, sobre todo, aos establecementos que lle dan servizo ao Camiño de Santiago. Esta mesma semana, nos hoteis e nos albergues da vila mesmo chegaron a ter que tirar abundante roupa de cama e toallas, ao que se suman os danos nos filtros das lavadoras. 

"O meu negocio é un dos máis afectados, porque eu vivo da auga. Se non vén limpa, eu non podo traballar. Non podo atender os meus clientes como os teño que atender", quéixase Mónica Vázquez Brey, dona da única lavandería. 

"A xente non se quere duchar porque a auga non sae limpa de todo, non poden beber da billa e é incomodo para lavar os dentes. E a nivel interno, as toallas téñense que mandar a Monterroso a lavar, porque aquí non podemos empregar as lavadoras", sinala Alba Díaz, recepcionista dun hotel. 

"A roupa vén incluso medio marrón. E nas duchas hai que explicarlles por que está así", engade Mabel García, dona dun albergue. 

Ante un problema que cada ano se agrava, máis de 60 negocios da vila decidiron remitirlles un escrito ao Concello, á Deputación e a diferentes organismos dependentes da Xunta. Nel reclaman a construción dunha nova potabilizadora de auga.

"Unha auga que valla para beber e para uso público, xa que esta non vale para uso público. A min Sanidade cada dous por tres estame vindo a revisar, e  pídeme informes de lexionela, de turbidez, da acidez, etc., pero o Concello non me dá esa auga, cando estou pagando unhas taxas por ela. E coma min, todos os veciños. Estamos no século XXI e a auga é un servizo básico", subliña Begoña López Rodríguez, dona dunha pensión. 

Pola súa parte, dende o Concello de Portomarín indican que precisan un millón e medio de euros para unha nova potabilizadora que tanto lles dea servizo aos residentes como aos centos de miles de peregrinos que pasan cada ano por esta vila. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade