Denuncian o tránsito constante de camións nunha rúa de Verín
Os veciños din que, á parte de ser un perigo para ciclistas e peóns, teñen a calzada desfeita e o ruído, sobre todo de madrugada, é insoportable
O tráfico de camións polo camiño das Tuelas, en Verín, intensificouse nos últimos tempos. Din os veciños que lles amargan ata o sono.
"Co ruído que fan, ás cinco da mañá, non nos deixan nin durmir. Todo o día, todo o día. Desde as dez da mañá ata a unha menos cuarto, pasaron 24 camións". "É constantamente, camións para aquí e camións para alá. Abriron unha rúa máis directa, podía pasar algún por alí", comentan varios veciños.
Aseguran que mesmo lles retremen as casas e atribúen tamén ao tráfico de camións a aparición de fendas nos muros.
"Retremen as casas, hai fendas nas paredes, porque son camións de gran tonelaxe, de corenta mil quilos para arriba. Á parte da velocidade á que pasan", di Ángel Garrido, un dos afectados.
Alertan tamén do risco para ciclistas e peóns, ao non haber beirarrúas e lembran que na zona hai un instituto de secundaria.
"A mediodía, cando os rapaces saen do colexio, hai moitos autocares e coches, e os camións pasando dun lado para outro". "Vas andando e tes que ir con coidado por se vén algún coche, porque non hai para onde apartar". "Debían poñer lombos, para ir máis despacio, pero nada", lamentan.
A maioría dos camións son transportistas dunha coñecida e histórica empresa de augas. Os veciños aclaran que non se opoñen á actividade da empresa, pero propoñen unha vía alternativa para regular o tráfico.
"Hai outra estrada paralela. Podían entrar por unha e saír pola outra e baixaría un cincuenta por cento. O que non pretendemos é que non pase ningún". "Non lle poñemos problemas á fonte, só aos camións. Que entren por un lado e que saian polo outro", explican Garrido e outra veciña.
Tamén demandan lombas e beirarrúas para mellorar a seguridade na vía.