Publicador de contidos

Publicador de contidos

A veciñanza do barrio ourensán das Lagoas denuncia que Adif cortou máis de 50 árbores

A veciñanza do barrio ourensán das Lagoas denuncia que Adif cortou máis de 50 árbores

Veciños e veciñas reclamanlle á empresa pública de infraestuturas, Adif, que repoña o seu pulmón verde ao carón das vías do tren na rúa Noriega Valera

Din que senten moita indignación porque viviron como por sorpresa e de noite cortaban o xardín botánico que creou un veciño do barrio

Lembran que o profesor Don Arturo Díaz deste barrrio hai uns 50 anos plantou e coidou todas as árbores de diversas especies

Das máis de 50 especies de árbores só quedaron os tocos e catro delas seguen en pé.
G24.gal 12/09/2026 21:30

Indignación e sorpresa entre a veciñanza do barrio ourensán das Lagoas pola repentina corta que o Adif realizou na masa de árbores situada a carón da vía do tren. Denuncian a desaparición de máis de medio cento de árbores, un corredor verde histórico que plantou e coidou un profesor do barrrio hai uns 50 anos.  Reclaman que se conserve o pouco que queda e que se repoña a vexetación. 

Os tocos cortados, e unha placa en lembranza de don Aruturo, o home que creou este pequeno xardín botánico. Máis de 50 árbores de especies variadas arredor da vía do tren na rúa Noriega Varela desapareceron por orde do Adif. 

"De repente, dun día para outro, atopámonos con que ADIF, en vez de facer unha limpeza habitual, púxose a cortar todas esas árbores que tiñamos aquí, que eran unha pantalla natural de protección contra as vibracións do tren, contra o son...", explica unha veciña do barrio. 

Veciños e veciñas de todas as idades lembran o profesor destes barrrio das Lagoas que hai uns 50 anos plantou e coidou todas as árbores. Agora con moita tristura lamentan a desfeita. 

"O señor Díaz era unha persoa encantadora, que coidaba ese xardín, día a día, cultivaba as súas plantas. Facía o que ninguén fixo aquí neste barrio", asegura outro veciño. 

Hai uns días xa pola noite a veciñanza xuntouse durante a corta e conseguiron salvar unha oliveira, un ciprés, un limoeiro e unha nespereira. Defenden este corredor natural contra o ruído e a calor. 

"Conseguimos que parasen a corta e conservar catro árbores. Pedimos que ADIF se sente con nós" indica outra veciña indignada. 

"A verdade é que non sei se é un prexuízo para RENFE, pero as arboliñas había que protexelos e non cortalos", apunta outro veciño da zona das Lagoas. 

A veciñanza recolle sinaturas, o BNG pide explicacións, a Asociación das Amigas das Árbores de Ourense cualifica esta corta de "arboricidio" e o Adif alega que o fixo por mantemento e seguridade. 

​​​

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade