Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sostibilidade en forma de camiño para xuntar Santiago e Ames

Sostibilidade en forma de camiño para xuntar Santiago e Ames

A ruta ciclable que une os dous concellos é tendencia entre os amantes da sostibilidade

G24.gal 12/09/2026 21:41 Última actualización 12/09/2026 22:09

Non hai un mes da inauguración do último tramo da senda peonil e ciclable que xunta Santiago de Compostela e O Milladoiro, no concello veciño de Ames, e converteuse xa en tendencia entre os amantes do deporte e da mobilidade sostible de ambas as dúas cidades.

Na Cruxeira, onde a ruta abandona o núcleo urbano amesán, os coches dan paso ás bicicletas, patinetes e amantes do paseo.

"O camiño está moi ben, asfaltadiño, moi limpo", comenta unha veciña do Milladoiro na súa primeira vez no inicio da ruta.

Nin as altas temperaturas dos últimos días nin as costas nalgúns puntos botan atrás os usuarios que alternan a ruta entre as vías do tren e a proximidade do río Sar. 

"Hai marxe de mellora: sinalizacion, algún tipo de mantemento que está pendente de transferencia entre administracións, pero todo avance como este para min é perfecto", comenta un ciclista que realizou o percorrido en varias ocasións.

A senda chega a Compostela atravesando o barrio de Conxo, onde cumpriu cambiar o trazado diante das protestas dos veciños e do concello santiagués. Unha vez xa no núcleo urbano, a ruta xúntase cos carrís bici da estación intermodal, que permiten percorrer Santiago de sur a norte. 

O traxecto, que abrangue uns dez quilometros, forma parte dun proxecto cofinanciado pola Xunta con fondos europeos.

Aínda que os usuarios sinalan a falta de mantemento nalgunhas zonas ou a sinalización confusa puntual, tamén cualifican como moi necesario este novo xeito de esparexemento onde cidade e natureza van da man.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade