Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha das mellores rutas de sendeirismo de España está na Serra do Xurés

Unha das mellores rutas de sendeirismo de España está na Serra do Xurés

As Olas do río Mao, en Lobios, é finalista a Mellor Sendeiro Homologado 

Os veciños de Puxedo traballaron durante dez anos no seu acondicionamento

Compite contra outras dúas rutas, de Cantabria e Badaxoz 

G24.gal 10/10/2026 15:03 Última actualización 10/10/2026 16:36

A igrexa de Puxedo, no concello de Lobios, é o quilómetro cero da ruta das Olas do Río Mao. 

"Ten tanto bombo agora nas redes, que vin comprobala. Coñecía a zona, pero non esta ruta", comenta un sendeirista.

Sete quilómetros de percorrido que nos levan desde o leito do río Mao, á sombra dos amieiros, ata os penedos do Xurés, co pico Fontefría no horizonte.

"Recuperamos o que era o camiño tradicional do monte pero que para nós era o camiño do río. Agora vén moita xente e disfrútao e pensas, nós eramos uns privilexiados, porque para nós era coma o salvaxe oeste", lembra Moncho, un dos veciños de Puxedo que traballaron na recuperación.

Polo camiño hai muíños, oito en total, rehabilitados polos veciños, e fervenzas, pero son as pozas as que lle dan o nome e a sona á ruta.

"As olas son unhas pociñas que se forman na rocha pola forza da auga", explica un dos sendeiristas.

Dez anos botaron os veciños de Puxedo traballando na recuperación deste camiño, que compite agora contra Cantabria e Extremadura polo recoñecemento como mellor sendeiro homologado de España.

"Non estamos falando dun recoñecemento económico, senón ao traballo feito, e unha maneira de promocionar non só a ruta senón o parque natural do Xurés", aclara Pablo Rodríguez, o presidente da asociación de veciños de Puxedo.

O prazo para votar remata o 31 de outubro e a cousa está axustada, así que animan a todo o mundo a darlles o seu apoio na web oficial da Federación española de Deportes de Montaña e Escalada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade