Publicador de contidos

Publicador de contidos

O gromo de ébola no Congo suma máis de 4.200 vítimas mortais

O gromo de ébola no Congo suma máis de 4.200 vítimas mortais

Este andazo, que vai camiño de superar os 9.000 casos, é o segundo máis mortífero da historia a nivel global

Funeral dunha muller falecida por ébola en Butembo. REUTERS/Gradel Muyisa Mumbere Funeral dunha muller falecida por ébola en Butembo. REUTERS/Gradel Muyisa Mumbere
G24.gal 10/10/2026 12:43 Última actualización 10/10/2026 13:41

O gromo de ébola na República Democrática do Congo (RDC) superou as 4.200 vítimas mortais e vai camiño de alcanzar os 9.000 casos confirmados, segundo o último boletín das autoridades sanitarias congolesas sobre a evolución do andazo.

Dende que se declarou a epidemia de xeito oficial no leste do país o 15 de maio, contraeron a enfermidade un total de 8.787 persoas e faleceron 4.242.

De acordo cos últimos datos facilitados polo Instituto Nacional de Saúde Pública (INSP), 2.292 pacientes lograron recuperarse e 980 permanecen illados ou hospitalizados. O virus presenta actualmente unha taxa de letalidade do 48,3%. 

A epidemia afecta a 64 zonas de saúde en sete das 26 provincias da RDC: Ituri, Tshopo, Bas-Uélé, Haut-Uélé, Kivu do Norte, Kivu do Sur e Ubangi do Sur.

Este andazo é o segundo máis mortífero da historia a nivel global, se ben aínda está lonxe do máis grave rexistrado ata o de agora, que causou 28.000 contaxios e unhas 11.000 mortes en África occidental entre 2014 e 2016.

A actual epidemia tamén se propagou a Uganda, onde a Organización Mundial da saúde declarou o 26 de agosto a fin do gromo, tras contabilizar vinte contaxios confirmados, incluídos quince importados da RDC, entre os que houbo dous mortos.

A cepa de Bundibugyo, causante deste gromo, carece de tratamentos médicos específicos, aínda que a OMS traballa en dúas vacinas que iniciaron ensaios en humanos e que se mostraron seguras ata o de agora, pero o seu desenvolvemento podería levar meses.

O virus do ébola transmítese por contacto directo con fluídos corporais de persoas ou animais infectados e causa febre hemorráxica grave, vómitos, diarrea e hemorraxias internas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade